Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Tomé asegura que Rueda copia as medidas que impulsou Besteiro hai dez anos na Deputación

Por 17 Xaneiro, 2024Sin comentarios

“Chega tarde e acórdase 30 días antes das eleccións da gratuidade das matrículas, o que nin Feijóo nin el fixeron en 15 anos e o que sempre vetaron no Parlamento de Galicia”, mentres Besteiro implantou no ano 2014 un plan de apoio ao Campus de Lugo con accións pioneiras e foi o artífice da sede da UNED en Lugo.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asegura que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, “é pouco orixinal, e copia medidas educativas en apoio dos universitarios que José Ramón Gómez Besteiro xa impulsou fai 10 anos” á fronte da institución provincial.

“Rueda chega tarde, e acórdase 30 días antes das eleccións autonómicas da gratuidade das matrículas universitarias, o que é claramente electoralista, e ademais acórdase de algo que nin el, nin Feijóo fixeron en 15 anos, e que sempre vetaron no Parlamento de Galicia”, subliñou o Presidente da Deputación. Mentres, Besteiro implantou no ano 2014 un plan de apoio ao financiamento das matrículas no Campus de Lugo con accións pioneiras, ademais de ser o artífice da construción da sede da UNED en Lugo, a única capital de provincia de Galicia que non a tiña.

“Este é un anuncio claramente improvisado e pouco crible, que non vai tapar os 15 anos de total abandono e de castigo que fixeron á educación pública dende a Xunta de Galicia”, afirmou José Tomé, lembrando que só nos dous últimos cursos “a Xunta recortou 1.500 profesores en Galicia, pechou escolas no rural, reduciu ciclos educativos, precarizou o transporte escolar deixando incluso fóra a moitos alumnos e alumnas, e recentemente ata quixo recortar titulacións no Campus de Lugo. Desde a Deputación de Lugo parámoslles os pés, porque continuamos con ese respaldo e defensa da educación pública e do noso Campus”.

Polo tanto, recalcou o presidente, “que non traten de enganar”. “Isto responde á desesperación de Rueda, que se sente acurralado ante o empuxe que está demostrando Besteiro, que se nota nas enquisas, con medidas ilusionantes, de futuro e de impulso a Galicia”. Ademais, José Ramón Gómez Besteiro “está deixando en evidencia que a Xunta non fixo nada polos servizos públicos nestes 15 anos. A educación, a sanidade, a atención aos nosos maiores ou os servizos sociais están moito peor que cando chegou ao Goberno o Partido Popular. Especialmente os servizos públicos como a sanidade están peor que nunca”.

“Esta Xunta do señor Rueda chega tarde a todo”. “Tardou un mes en ir ás praias para preocuparse da crise ambiental dos pellets, antes de que tanto a súa vicepresidenta, como o Conselleiro do Mar, dixeran auténticas barbaridades en relación con esta materia, e tarda 15 anos en preocuparse polos universitarios. Mentres, José Ramón Gómez Besteiro foi o primeiro en pisar as costas afectadas pola marea de plástico para dar solucións, e para estar coa xente do mar e cos concellos, e foi o primeiro en impulsar medidas de apoio para os estudantes universitarios dende a Deputación de Lugo para axudar a financiar as súas matrículas”.