Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXACultura AMARIÑAXA

Sanidade volve ser a consellería con maior dotación nos orzamentos da Xunta de Galicia

Por 22 Xaneiro, 2024Xaneiro 23rd, 2024Sin comentarios

5.191 millóns de euros do orzamento destínanse a Sanidade e segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, “o orzamento sanitario de 5.191 millóns de euros, aínda que crece un 4,2% respecto a 2023 que foi de 4.972 millóns, como a inflación prevista e do 4,3%, na realidade decrece nun 2,3%”.

Galicia convérteuse na primeira comunidade autónoma en aprobar os seus orzamentos para 2024 logo de que o Parlamento galego dera o visto e prace definitivo ás contas do vindeiro ano o pasado 20 de decembro.

Así, 13.257 millóns de euros é a cantidade total dos orzamentos da Xunta de Galicia é nos que destaca o capítulo de gasto social, pois leva a parte máis importante, e que ascende a 9.774 millóns para sanidade, educación, políticas sociais e emprego.

Un ano máis a consellería con maior dotación volveu ser Sanidade, ao recibir 218 millóns de euros máis, un incremento do 4,4 % respecto ao ano 2023, e situarse en 5.191 millóns de euros.

Segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, “o orzamento sanitario de 5.191 millóns de euros, aínda que crece un 4,2% respecto a 2023 que foi de 4.972 millóns, como a inflación prevista e do 4,3%, na realidade decrece nun 2,3%”.

En Galicia hai 7 estructuras de xestión integrada e na provicia de Lugo é a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos que acolle aos 67 concellos lucenses e case 326.013 habitantes, segundo o INE en 2021. Nesta lista destaca o concello da Fonsagrada o máis estenso de Galicia pois conta con máis de 438 quilómetros cadrados.

Segundo o Ministerio de Sanidade, no ano 2022, Galicia contaba con 463 centros de saúde dos que 398 son centros propiamente e 65 son consultorios locais, que son centros sanitarios que, sen ter a consideración de centros de saúde, proporcionan atención sanitaria non especializada no ámbito da atención primaria. Segundo datos facilitados polo Sergas, a provincia lucense conta con 73 centros de saúde, 11 consultorios e 1 Centro Integral de Saúde (CIS) de Lugo, o número de profesionais médicos para atendelos a todos é un dato que oscila en máis de 6.000 traballadores entre o persoal dos tres hospitais e dos traballadores dos centros de saúde, a administración pública di que “as cifras de persoal dispoñible varían día a día por baixas, permisos, vacacións, etc”.

EURO A EURO.

O gasto en investimentos sanitarios no 2024 redúcese malia a que as contas soben. Así, medra o gasto en vacinas, ao que se dedican 39,8 millóns e que son 10 millóns máis que no 2023; e tamén se aumentan os cartos para os cribados de cancro de mama, colo do útero e colon, ou probas piloto para pulmón e próstata.

O gasto en medicinas, é dicir, a inversión para poder subvencionar os medicamentos que mercan os pacientes sen ningún custe nas farmacias ascende de 830 millóns de euros. En Lugo son 123.929.826 euros.

Do total dos 5.191 millóns de euros destinado a Sanidade, case o 40 % está destinado aos gastos previstos de persoal, é dicir, 2.188 millóns de euros están dedicados a este gasto. Neles inclúense

acordos para as melloras nas gardas, a redución da xornada semanal, a extensión da carreira profesional, a compatibilidade entre a sanidade pública e privada ou o incremento das horas extras nos centros de saúde, entre outras medidas. Tamén está predente a contratación de novo persoal para o esperado Plan de Saúde Mental, que contan con poñer en marcha neste ano 2024.

Para a inversión na creación das futuras 1.700 prazas que se farán estruturais no 2024, vanse destinar 60 millóns de euros. O conselleiro de Sanidade sinala que se consolida o proceso de estabilización del persoal que se comezara despois da pandemia.

Nos proxectos de obras que inflúen nestes orzamentos son a construción do Novo Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra, as melloras do Novo Chuac na Coruña, as ampliacións noutros centros como Ourense, Santiago ou Ferrol.

ÁREA SANITARIA DE LUGO.

A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos disporá o vindeiro ano 2024 de máis de 624 millóns de euros. Tal e como se recolle no proxecto de orzamentos vanse destinar  624.294.780 euros, un 6 % máis que no pasado ano 2023, no que a área sanitaria dispoñía de 592 millóns de euros. Isto supón, que en 2024 a área sanitaria da provincia de Lugo contará con 37,2 millóns de euros máis que no actual exercicio orzamentario.

A maior parte do orzamento da área sanitaria lucense destínase aos gastos de persoal, é dicir,  o pagamento das nóminas dos traballadores do Sergas na provincia e que será de 315,3 millóns de euros, 26 millóns de euros máis que no ano actual, xa que no 2023 contou cun orzamento de 289 millóns de euros. Isto supón un incremento de preto dun 9 %. Esta suba está destinada ás melloras salariais do persoal do Sergas acordadas por unanimidade coas organizacións sindicais como o aumento das retribucións de gardas e quendas de noite ou festivo, carreira profesional..), así como para a dotación de novas prazas.

No correspondente a bens correntes e servizos, dedícanse 179,2 millóns de euros, 5 millóns de euros máis que en 2023. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes, material de laboratorio, radioloxía e medicina nuclear, entre outros.

Dos 624 millóns de euros dos que disporá a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos para o vindeiro ano, preto de 222 millóns de euros estarán destinados exclusivamente a Atención Primaria, 8 millóns de euros máis que no actual exercicio.

No relativo ás infraestrutura nesta área sanitaria, máis de un millón de euros serán para licitar a obra da fase II do plan director do Hospital Público da Mariña. O goberno galego tamén destina algo máis dun millón de euros para a licitación do proxecto do plan director do Hospital Público de Monforte de Lemos, que prevé unha remodelación integral.

Tamén hai reservados un total de un millón de euros para iniciar a construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla, 700.000 euros para iniciar a reforma integral do centro de saúde de A Milagrosa, en Lugo, 400.000 euros para a obra de ampliación do centro de saúde de Outeiro de Rei, 200.000 euros para a reforma do centro de saúde de Meira, e 200.000 euros para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando os concellos correspondentes acheguen as parcelas axeitadas, como poderían ser os de Pantón, Ribadeo ou Sagrado Corazón.

Así mesmo, o Goberno galego adquirirá para os distintos centros de saúde da provincia de Lugo 4 bisturís eléctricos para cirurxía maior ambulatoria, 10 retinógrafos, 23 ecógrafos, 30 desfibriladores, 50 sistemas de monitorización ambulatoria de presión arterial, 92 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais, 41 analizadores sanguíneos portátiles para a realización de probas de detección rápida e máis de 200 padiolas de exploración e de transporte.

IMPRESIÓNS.

Segundo as deputadas autonómicas do PP na comarca de Lemos, Raquel Arias e Katy Varela, destacan as partidas para o persoal do Hospital de Monforte, con máis de 30 millóns de euros que inclúen as subidas salariais pactadas, aos que hai que sumar 1 millón adicional para a redacción da seguinte fase do plan director do centro que inclúe melloras nas instalacións coma a renovación da súa cuberta. “É un claro exemplo de que a Xunta continúa apostando pola continuidade deste centro sanitario”, subliñan.

Para a deputada do BNG “as inversións en Sanidade non parecen suficientes xa que as carencias na Atención Primaria ou tamén no Hospital de Monforte merecerían unha especial dotación”.

Segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, “o orzamento sanitario supón unha renuncia a introducir as melloras que necesita a Sanidade Pública Galega para resolver os graves problemas que a afectan”. E no gasto na Atención Primaria din que o “o gasto crecerá soamente en 56 millóns de euros, un 3,5% respecto ao 2023. Pois se descontamos a inflación o gasto descende realmente un 18,6 %. O gasto para Atención Primaria queda no 14,2% do total sanitario, moi lonxe do obxectivo do 25% recomendado polas organizacións profesionais e a OMS”.

Por outra banda a plataforma SOS di que á formación do persoal tan só se destinan 77 millóns, un 1,5% do total, “absolutamente insuficiente para formar aos traballadores sanitarios que necesitamos”.

Os socialistas da provincia de Lugo acusan ao Partido Popular de “mentir descaradamente” cando, por medio do director asistencial da área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, dixo que non se pecharon centros de saúde no rural. O PSdeG lembra que a Xunta pechou o consultorio de Castro, en Carballedo, e precarizou a atención –reducindo días de consulta e persoal- nos de Parga (Guitiriz); Castro de Rei; Cervo e Nadela (Lugo) tras mantelos pechados durante meses.

Ademais, tivo cerrado o consultorio de Bóveda; deixou o ambulatorio de Castroverde sen médicos no Nadal; e en Negueira de Muñiz non hai facultativo dende outubro.

Polo tanto, “que non lle mintan aos veciños e veciñas, porque eles sofren cada día o desmantelamento da atención primaria que está perpetrando o Partido Popular na nosa provincia”.

RURAL.

Galicia é unha comunidade que conta cunha gran dispersión poboacional polo que precisa unha maior cantidade de médicos e de centros de saúde para proporcionar unha boa calidade de servizos sanitarios.

No rural lucense máis da metade dos médicos “vanse xubilar nos próximos 5 ou 6 anos polo que o Goberno galego debería ter unha previsión do que se vai facer, pero non queren actuar”, din desde varias plataformas sanitarias, “e a poboación rural é a que máis a precisa a atención médica xa que as persoas maiores son as que viven nestas localidades tan dispersas, e moitas veces teñen problemas para desprazarse”

Estas prazas de médicos no rural adoitan chamarse de difícil cobertura, xa que son prazas ás que os profesionais sanitarios non queren acudir pola falta de colexios, internet, vivendas, etc, e moitas veces quedan desertas. Polo que sería necesario “poñer en marcha estratexias de políticas activas, como máis salario, máis vacacións, outras melloras, ou obrigar aos profesionais a pasar un tempo neses centros”, din desde as plataformas, “o propio Sergas di que está a promover este tipo de estratexias, pero tan so cunha mellora salarial ínfima”.

“O que necesitamos é achegar a atención sanitaria a toda a poboación, pero se desaparece supón un risco para todos”, sinalan desde as plataformas, “somos a ultima comunidade no número proporcional de consultorios locais e pechalos suporía unha traba moi importante”.

A isto, o Sergas resposta que “manter esta ampla rede de centros e a súa capilaridade é fundamental, xa que o que se realizan son cambios organizativos para distribuír a demanda de forma máis eficiente entre os distintos profesionais do equipo de atención primaria potenciando ao máximo as capacidades de todas as categorías e facilitando a continuidade asistencial para o paciente. Exemplos desta reorganización que mellora a atención son a apertura do Centro Integral de Saúde na cidade de Lugo ou a incorporación de enfermería especialista para ampliar días de atención no consultorio de Nadela, en Lugo, e na atención pediátrica da zona de Outeiro de Rei”.

No ano 2019, o Sergas publicou o documento ‘Por una atención primaria vertebradora del sistema de salud’, elaborado por varios expertos e profesionais médicos. Nel fálase por exemplo sobre a cúadruple meta: mellorar a saúde poboacional, mellora da calidade e a experiencia do paciente, mellorar a eficiencia e mellorar a satisfacción dos profesionais.

Tamén se fala da reorganización dos dispositivos asistenciais no territorio, modificar a estrutura organizativa e os circuítos de toma de decisións sobre recursos, diferenciar a xestión económica dos seus ámbitos (atención primaria e hospital) e innovar na relación con servizos sociais e comunidade.

Así mesmo, o documento cita que “en xeral en Galicia non faltan recursos humanos, senón que están mal organizados. Por exemplo, nos PACs hai 500 profesionais da saúde illados da organización e da planificación conxunta dunha zona de saúde”, algo co que algúns colectivos sanitarios están da cordo dicindo que “hai que remodelar a Atención Primaria, xa que hai moitas categorías de especialistas que  poderían exercer no centro de saúde, como son as consultas de tipo mental que tratan ansiedades, depresións, etc..”.

LISTAS DE AGARDA.

As listas de espera para a primeira consulta especializada non superan de media os 90 días, e nas listas de espera cirúrxica, a situación é moi similar pois a Xunta de Galicia aprobou un plan para reducir en 2023 estas listas o que supón realizar 4.250 operacións adicionais, sobre todo polas tardes.

Outra cousa son as listas na consulta de Atención Primaria, nas que están arredor dos 7 días e incluso nalgúns centros chegan aos 15 días ou ao mes. Ademais contan con moita disparidade entre os diferentes centros de saúde xa que en algúns faltan profesionais, sobre todo no rural.

A teleasistencia fixo que baixara o tempo de espeta pois moitos pacientes adoitan acudir ao seu centro médico para renovación de receitas, para o seguimento de patoloxías crónicas ou renovacións de baixas médicas.

Así mesmo, estes datos de lista de espera cirúrxicas non se saben feacientemente pois o Sergas non publica as listas non estruturais, que son as de pacientes que rexeitan ser intervidos por razóns no atribuíbles ao sistema, é dicir, que no queren ser derivados a outros centros nin a outras áreas por diferentes motivos.

PROFESIONAIS MÉDICOS.

A OMS di que a Atención Primaria debería ter o 25% do orzamento sanitario total, e en Galicia é do 14,7%. “Da cantidade total do orzamento case o 40 % vai destinado aos gastos previstos de persoal”, din as Plataformas sanitarias.

Destaca que o persoal médico e o de enfermería en atención especializada subira nos últimos anos pero na Atención Primaria, é totalmente á inversa, cada vez existen menos profesionais, ben sexa por baixas, xubilacións ou que esta especialización non resulta atractiva.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que se van crear “máis de 1.700 prazas, máis de 200 son de persoal médico, outras máis de 700 de enfermería, máis de 450 de auxiliar de enfermería, máis de 120 de persoal técnico superior sanitario, e preto de 100 de celadores”.

Hai que ter en conta que a competencia das comunidades autónomas é a de contratar pero para facelo teñen que existir especialistas dispoñibles, e esta é unha competencia das poucas que ten o Ministerio de Sanidade.

Pero o que non se di é que trala publicación do número de prazas para o MIR no Sergas, o Goberno galego é o encargado de diminuír ese número de profesionais. Polo que por moitas prazas que se oferten, como no ano 2023 que foron 620, non se cubriron a totalidade delas.

Neste ano a formación é de 77 millóns, un 1,5 % do total, “unha cantidade totalmente insuficiente para formar aos traballadores que se necesitan para mellorar, reforzar e afrontar a sanidade. Non cumpre a expectativa real polas xubilacións”.