Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Convocadas as axudas para o goberno de montes veciñais

Por 20 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria de axudas destinada á impulsar a boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo para o 2024. A convocatoria está dotada cun montante inicial de 490.000 euros, que está previsto ampliar co correspondente incremento de crédito.

Estas achegas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) de España, máis concretamente na compoñente 4, enfocada na “conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade”; que ten como obxectivo alcanzar un bo estado de conservación dos ecosistemas mediante a súa restauración ecolóxica cando sexa necesaria, e reverter a perda de biodiversidade, garantido un uso sostible dos recursos naturais e a preservación e mellora dos seus servizos ecosistémicos.

Ao mesmo tempo, esta convocatoria está vencellada co Eixo III da Primeira Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que ten como finalidade adoptar as medidas estruturais e dinamizadoras, para o monte e a propiedade forestal galega, necesarias para procurar unha plena actividade forestal que xere rendas e emprego para o medio rural, contribuíndo á fixación da poboación no rural, á conservación e mellora do ambiente e ao desenvolvemento socioeconómico sustentable do sector forestal galego na súa incorporación á bioeconomía e á economía circular e ás enerxías renovables.

Obxecto das axudas

Neste sentido, poderán ser obxecto de axudas as actuacións relacionadas coa revisión de esbozos das carpetas-ficha en montes en man común ou en montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. Esta actuación consiste na revisión total ou parcial dos esbozos de montes que integran un expediente que, pola súa antigüidade, non reúnen as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios. Por outra banda, serán subvencionables tamén as actuacións para os deslindamentos parciais entre estes montes.

Poderán beneficiarse as comunidades de montes veciñais en man común e as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. No caso destes últimos, constitúe unha novidade na convocatoria o feito de que estes terreos forestais -que se sitúan practicamente todos eles na provincia de Lugo- se poidan beneficiar das subvencións. Cabe sinalar que estas achegas subvencionarán o 100 % do gasto elixible. Con todo, o importe de axuda a percibir por entidade beneficiaria non poderá superar os 20.000 euros (IVE incluído).

O prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse destas axudas será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. O período máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 1 de setembro de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de resolución de aprobación da axuda e a data final de xustificación.