Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Tres de cada catro centros educativos acolleron actividades contra o acoso

Por 21 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A metade das charlas impartidas por Policía Nacional e Garda Civil abordaron a ciberseguridade e o acoso escolar.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presidiu a reunión da Comisión Autonómica do Plan de Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar na que se analizaron os resultados do primeiro trimestre deste curso académico.

Pedro Blanco destacou que neste primeiro trimestre 3 de cada 4 centros educativos de Galicia participaron neste programa, o que significa que 770 colexios e institutos de Galicia acolleron actividades neste primeiros tres meses de curso. Os equipos especializados de Policía Nacional e Garda Civil desenvolveron neste centros 1.206 actividades de formación e prevención. Nelas participaron máis de 37.000 membros da comunidade educativa, dos que 33.500 foron alumnos e alumnas, ademais do profesorado, equipos directivos, pais, nais e titores.

O delegado do Goberno explicou que neste primeiro trimestre lectivo a metade das charlas abordaron a ciberseguridade, especialmente a protección de nenos e nenas nas redes sociais, e o acoso escolar. Suben tamén as peticións en actividades relacionadas coas adiccións, incluíndo substancias, xogos e tecnoloxía. O delegado subliñou que estas temáticas son “un mapa das preocupacións da comunidade educativa de Galicia”.

Pedro Blanco lembrou que este ano o Ministerio do Interior renovou os obxectivos do Plan Director para adaptalos ás novas realidades das escolas e ás preocupacións que se detectan nas comunidades escolares cada ano. Así, estase a dar prioridade á incorporación das familias e os titores dos menores, así como á colaboración cos municipios.

Vixilancias

O Plan de Convivencia Escolar contempla tamén a vixilancia activa dos centros escolares por parte das forzas e corpos de seguridade. Pedro Blanco informou que neste primeiro trimestre realizáronse máis de 4.000 vixilancias en escolas e institutos. Como resultado desta actividade, Policía Nacional e Garda Civil desactivaron tres puntos de venda de drogas, un na Coruña e dous, en Lugo.

Comisión de Seguimento

Na reunión de hoxe participaron tamén o director de Educación da Delegación do Goberno en Galicia, Xosé Lois García Carballido, o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia e o xefe superior de Policía, as responsables das unidades contra a Violencia sobre a Muller do Goberno, a subdirectora xeral de Ordenación Educativa da Xunta e o secretario xeral da Delegación do Goberno, entre outros asistentes.

O delegado destacou que estas reunións tamén son un recoñecemento aos equipos especializados da Garda Civil e á Policía Nacional nas catro provincias, así como á inspección educativa da Xunta, ao persoal da área de Inspección da Delegación do Goberno, ás subdelegacións e aos centros escolares.