Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Que concellos da provincia de Lugo aumentaron a súa poboación?

Por 27 Xaneiro, 2024Xaneiro 29th, 2024Sin comentarios

Lugo pecha o ano cunha caída poboacional, xa que unicamente 18 municipios rexistran cifras positivas. En canto á natalidade, unha decena de concellos concentran o 70 % dos nacementos

Galicia inaugura o novo ano cun bo sabor de boca a nivel demográfico, pois rexístranse 5.713 novos habitantes no 2023, elevando así ata os 2.696.177 de persoas censadas na nosa comunidade, segundo os últimos censos de poboación publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). A situación por provincias mantén esta tendencia positiva, agás a de Lugo, que arranca este 2024 cunha caída poboacional, concretamente de 33 residentes, ata quedarse nos 323.956 para este novo período.

Dos 67 concellos lucenses, apenas 18 rexistran números positivos, fronte aos 22 que sufriron un incremento durante o 2022. Entre eles atópanse a capital, que suma 1.000 novos veciños; así como as cabeceiras comarcais de Monforte, que pecha o 2023 cunha subida de 153 habitantes e Sarria, onde son 7 persoas máis. Outros lugares beneficiados polo Camiño tamén gozan desta boa situación como son Palas, que rexistra 27 censados máis e Samos e Monterroso, que suman 8 habitantes cada un.

O patrón ségueno Outeiro de Rei, que notifica 63 residentes máis; Foz, con 45 e Burela, que suma 24 novos veciños. Os aumentos cualitativos máis pronunciados obsérvanse en pequenos concellos como Negueira de Muñiz, o menos poboado de toda a provincia, que rexistra un incremento do 5 %, ao sumar 12 novos residentes e Baralla, que aumenta un 1,93 % ao incorporar 48 habitantes máis.

46 municipios perden habitantes

Por outra banda, Barreiros mantén os seus 3.020 censados, Lourenzá repite a tendencia con 2.115 persoas e Rábade, con 1.503. Os 46 municipios restantes sofren un descenso, segundo os datos do INE. Nesta situación atópanse A Fonsagrada, que perde 79 veciños; Chantada, con 77 menos e Becerreá, con 44. As caídas son tamén notables en Guntín, que descende o número de censados nun 2,97 % ao perder 76 veciños; en Paradela, onde son 45 persoas menos cunha caída do 2,75 % e Guitiriz, que baixa nun 2,57 % ao perder 134 habitantes.

A pesar da baixada da demografía, a comunidade notifica un incremento da chegada de residentes doutros países. No último ano, un 5,44 % da poboación na comunidade era estranxeira, concretamente 139.306 persoas, segundo o Censo Anual do INE. Estes datos supoñen un incremento de 20.132 residentes se comparamos co 2022 e de 25280 con respecto ao 2021. Se nos centramos na provincia, no último ano rexistráronse 19.759 persoas procedentes doutros países, un 6,48 % do total, o que supón 2.792 persoas máis que as rexistradas durante o 2022.

O 70 % dos nacementos en 10 concellos

Se temos en conta a natalidade, Lugo rexistrou 1.583 nacementos entre xaneiro e novembro do 2023, segundo os últimos datos do INE. Atópase en terceiro lugar por detrás de A Coruña (5.617) e Pontevedra (4.563) e por diante de Ourense (1.207). Por concellos, no 2022, último ano sobre o que se teñen rexistros e no que se contabilizaron 1.734 nados no territorio lucense, a capital provincial notifica 629 nacementos, o 36,27 % do total da provincia, segundo os rexistros do Instituto Galego de Estatística (IGE). Séguenlle as cabeceiras comarcais de Sarria e Vilalba, que notificaron 95 neonatos cada concello e Monforte, con 90.

Tamén arroxan bos resultados algúns municipios costeiros, concretamente Viveiro, que notifica 73 nacementos; Foz, con 61 e Burela, con 60. De feito, estes últimos sete concellos xunto con Ribadeo, Outeiro de Rei e Chantada concentran o 72 % dos nados en Lugo. Fronte a esta parte da provincia que amosa un certo dinamismo demográfico, o resto do territorio mostra outra realidade ben diferente.

O reparto demográfico decae na zona oriental, na zona sur e no interior da Mariña, que perden poboación e que pouco a pouco se van convertendo nun deserto demográfico en parte pola falta de relevo xeracional. De feito, 38 dos 67 concellos non rexistran nin 10 nacementos ao longo dun ano e en 17 deles non chegan nin a 5. É o caso de Baleira, onde naceron 3 pequenos; Cervantes e Ribeira de Piquín, onde foron 2 e Muras, con 1. O extremo da situación represéntano os municipios de Negueira de Muñiz, As Nogais e Trabada, onde non naceu ningún neno nese período.