Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación creará unha bolsa de vivendas para o alugueiro rural

Por 26 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases para a creación dunha bolsa de vivendas de alugueiro no rural. Unha das liñas de actuación incluídas no programa E para vivir Lugo que a institución provincial ten en marcha con fondos que conseguiu da Unión Europea para afrontar o reto demográfico.

Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen explicou que a Deputación concederá un total de 50 axudas de 600 euros cada unha destinadas aos propietarios das vivendas para incentivar o alugueiro. “Con este plan piloto queremos abrir unha vía que consideramos moi interesante para atraer e fixar poboación no noso rural”, asegurou.

O prazo de solicitude destas axudas de concorrencia competitiva será de un mes desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Poden resultar beneficiarias todas aquelas persoas propietarias e usufrutuarias de vivendas sen ánimo de lucro que estean situadas en concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes.

Explicou a Voceira que para a concesión destas axudas valoraranse cuestións como o concello onde estean situadas, tendo preferencia aquelas vivendas da Fonsagrada, O Valadouro e Xermade, porque é onde a Deputación está a desenvolver as accións piloto deste proxecto; o equipamento, puntuando máis aqueles inmobles que conten con parcela anexa á vivenda, praza de garaxe, instalación de enerxía renovable e certificación enerxética A, B ou C; a distancia a núcleos habitados máis próximos, valorando por encima aquelas vivendas que estean integradas nun núcleo habitado; e o tamaño e o ano da construción do inmoble, con máis puntos para as máis antigas e de maior capacidade.

Pilar García Porto explicou que esta bolsa para o alugueiro de vivenda no rural forma parte dunha das tres grandes liñas de actuación do proxecto E para vivir Lugo, dotado con 300.000€ de fondos da Unión Europea. Xunto a esta iniciativa, o programa inclúe a creación de oficinas demográficas para atraer poboación e atender aos novos residentes, e axudas para a diversificación de cultivos.