Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación esixe á Xunta “que poña fin á destrución da sanidade pública”

Por 30 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Afirman os socialistas que a veciñanza da provincia espera de media entre 15 e 25 días para ser atendida polo médico de cabeceira, 11.000 nenos e nenas non teñen pediatra e hai 46.000 persoas esperando por unha intervención.

A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia que poña fin á destrución da sanidade pública dotándoa de máis investimentos e máis persoal. Así se acordou no Pleno deste martes a través dunha proposta do Goberno que recollía o apoio da institución á plataforma SOS Sanidade Pública para recuperar a atención primaria e que contou cos votos a favor do PSdeG e do BNG e os votos en contra do PP. Ademais, aprobouse unha moción dos socialistas reclamando a redución das listas de espera e a recuperación dos cadros de persoal, contra o que o Partido Popular tamén votou en contra.

“A sanidade está no peor momento da etapa democrática en Galicia, nunca tan mal estivo”, valorou o Presidente, José Tomé Roca, que sinalou que na etapa de Touriño a atención primaria era no mesmo día e que hoxe a espera mínima para ter cita é de tres semanas, o que deriva na sobrecarga das urxencias. E nese sentido recordou o mandatario provincial que hai 900 profesionais menos que no 2009 na sanidade pública galega e apuntou á responsabilidade da mala xestión do Executivo galego, quen non convoca prazas e precarizou as condicións laborais dos profesionais.

Durante a sesión provincial, a Voceira socialista e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, sinalou que “o vindeiro domingo, 4 de febreiro, a sociedade galega volverá saír á rúa de xeito masivo para defender a sanidade pública, o dereito dos galegos e galegas a unha atención sanitaria universal e a dignidade nas condicións laborais dos profesionais do sector”.

Explicou García Porto que “no caso dos lucenses achegaremos ademais a nosa demanda de que se reverta o desmantelamento da sanidade no rural, que está a xerar unha fenda entre cidadáns de primeira e de segunda”, engadiu.

Puxo cifras ao desmantelamento da sanidade, asegurando que Galicia ten hoxe 900 profesionais sanitarios menos, 900 camas hospitalarias menos e inviste 130M€ menos en sanidade que en tempos do Goberno de Touriño. Tamén destacou que hai uns 1.500 profesionais ás portas da xubilación en Galicia, como os 289 médicos que cumpriron 65 anos na provincia de Lugo entre 2018 e 2022 sen que o Sergas tomase medidas para repoñer os cadros de persoal.

Lamentou que da recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS), de que o 25% do gasto sanitario se destine á Atención Primaria, en Galicia cae ata o 14%. “Os nosos veciños e veciñas esperan de media entre 15 e 25 días para ser atendidos polo seu médico de cabeceira”, e lembrou aos 11.000 nenos e nenas que non teñen pediatra en Galicia, 46.000 persoas esperando por unha intervención sanitaria e outras 120.000 que agardan por unha proba diagnóstica.

Outras demandas que a Deputación fará chegar á Xunta en materia sanitaria é a necesidade de poñer en marcha un plan de choque en Atención Primaria que garanta a cita no médico de cabeceira nun prazo non superior ás 48 horas; medidas para recuperar os cadros de persoal e a reapertura de todos os centros; un plan de captación de médicos de especialidades como Pediatría, “cun déficit crónico en toda a provincia”; incluír a Saúde Mental na Atención Primaria; reducir as listas de espera; e tamén un plan de melloras nos modelos de contratación que remate coa precariedade actual.

INTERVENCIÓN DO BNG

O portavoz do BNG na Deputación de Lugo Daniel García amosou esta mañá no Pleno Provincial o apoio da formación nacionalista á manifestación pola sanidade pública convocada para o vindeiro 4 de febreiro en Compostela pola Plataforma SOS Sanidade Pública, integrada por 55 colectivos do ámbito sanitario, social, política e sindical.

Na defensa dunha proposta en relación con esta convocatoria, o deputado mariñao repasou as consecuencias de 15 anos de políticas de recortes e desmantelamento do sistema sanitario público por parte do Partido Popular, especialmente na atención primaria, e apelou á mobilización social para recuperar unha atención sanitaria digna.

“Por primeira vez, as galegas e galegos temos que agardar durante semanas para poder ver a nosa médica ou médico de cabeceira e as nenas e nenos en seis de cada dez concellos non teñen pediatra. A día de hoxe, 9.080 persoas agardan no noso país para recibir unha primeira consulta en saúde mental na sanidade pública o que deixa a posibilidade de atención neste ámbito só en mans de quen poida pagalo”, lembrou Daniel García, durante o debate da proposta que se aprobou cos votos a favor de BNG e PSOE.

Carmela López toma posesión como Deputada provincial

A Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, tomou posesión este martes no Pleno como Deputada provincial, asumindo a área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas.

López Moreno prometeu o seu cargo e amouse ilusionada e con moitas ganas de iniciar esta nova etapa “para traballar de xeito decidido dende a Deputación por e para Burela, pola Mariña e para o conxunto da provincia”.

Os voceiros dos tres grupos políticos con representación no Pleno provincial desexáronlle sorte e acertos na nova responsabilidade que asume.


A Deputación constata “as mentiras” do PP ante a crise dos pélets

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, constatou este martes “as mentiras” do PP ante a crise dos pélets. “A resposta é a mesma que deron cando foi o do Prestige, primeiro negalo e logo botarlle a culpa aos demais en vez de poñer medios para solucionar o problema”, valorou o mandatario provincial. Á entrada do Pleno provincial que se celebrou este martes en San Marcos, Tomé Roca tamén reprochou á Xunta de Galicia a falta de rigor do Executivo galego na xestión da crise, “ata para pedir medios ao Goberno do Estado”.

“Só dende a incapacidade e o cálculo electoralista máis lamentable, se entende a inacción da Xunta ante a situación xerada polo vertedura do Toconao”, denunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, na sesión plenaria. Denunciou que a Xunta “xogou” á desinformación, con informes que primeiro negaban a perigosidade ou toxicidade dos pélets e logo indicaban o contrario. Tamén reprochou a falta de rigor á hora de coñecer a composición dos plásticos, “sen encargar nun laboratorio a análise do material, fiando simplemente á veracidade da ficha que achegaba o fabricante”.

A reacción do Executivo galego ante esta crise “é un exemplo do manual de estilo do PP”. García Porto relatou que primeiro negaron a realidade, logo miraron para outro lado, esperaron a que as cousas empeoraron, botaron a culpa ao Goberno central e abandonaron aos concellos, e ignoraron as demandas de explicacións que reclamaba a sociedade civil. Puxo como exemplo Asturias, como outro modelo de xestión posible.

Lamentou que a Xunta manteña á Consellería do Mar “na cola” da dotación orzamentaria, poñendo como exemplo o servizo de Gardacostas, que conta cun presuposto de 18M€ para unha comunidade que conta con 1.500 quilómetros de litoral e unhas características complexas.

O Pleno aprobou, cos votos favorables de PSdeG e BNG e cos votos en contra do PP, instar á Xunta de Galicia a que active un dispositivo de limpeza en todo o litoral para atallar a crise dos pélets, que cree un comité de seguimento que reúna a todas as administracións implicadas e que aclare a composición do material vertedura, así como as súas posibles afeccións no medio.