Skip to main content
A Pobra do BrollónCultura RIBEIRASACRAXA

A oposición fala: A Pobra do Brollón

Por 21 Xaneiro, 2024Xaneiro 24th, 2024Sin comentarios

Facer realidade unha residencia de maiores, fixar poboación e potenciar o turismo son as apostas do PSOE da man de Adolfo Rubio, mentres que para o PP as necesidades da Pobra son o abastecemento da auga, o saneamento das contas do Concello, manter as infraestruturas e promover o emprendemento

Lucía Blanco | Jessica Fernández

A fiscalización e o control do Goberno son tarefas que lle corresponden á oposición de cada Concello, que tamén vela por detectar as necesidades da veciñanza. Adolfo Rubio, voceiro do PSOE, e Teddy López, do Partido Popular son os que exercen este labor na Pobra do Brollón e apostan desde o seu cargo por levar iniciativas aos plenos, por traballar por unha residencia de maiores para o municipio ou por fixar poboación.

Adolfo Rubio forma parte das listas do Partido Socialista desde o 2019, aínda que non foi ata as últimas cando se presentou como candidato, convencido de que dende a súa posición como terceira forza política deben sumar. “Creo que estamos sendo unha oposición construtiva dende o minuto un porque vimos a sumar, é dicir, a facer cousas, a mirar polo positivo, polo mellor para o sitio no que vivimos”. Un papel que, para el, debe compartir a oposición en cada municipio. “O obxectivo é aportar e intentar dentro das prioridades, porque en moitas imos da man do Concello, facemos un labor fiscalizador”, conta.

Pola súa parte, Teddy López comezou na vida política do municipio porque uns amigos e veciños animárono a formar parte do Partido Popular, co que xa simpatizaba, para formar unha nova Xunta Xestora, que lle votou como presidente e, desde aí, ata presentarse nas eleccións municipais de maio de 2023 cunha lista de persoas completamente nova. “Toda a lista de xente que presentamos era xente boa e iso notárono os veciños, xa que conseguimos un concelleiro máis que nas anteriores eleccións”, sostén López.

Colaboración entre partidos

Adolfo ten claro que as necesidades dun municipio como A Pobra do Brollón “non son as mesmas que as dunha gran cidade”, pero que o bo entendemento entre os partidos é clave para favorecer a toda a veciñanza. “Acudimos a todos os plenos aportando as nosas ideas e agora mesmo creo que hai unha relación co BNG fluída e boa. O que non podemos facer é non ter claro o obxectivo, o obxectivo é que A Pobra gañe, que os veciños vivan mellor, que teñamos mellor calidade de vida e servizos e para iso temos que ir todos da man”.

O voceiro popular, pola súa parte, critica que ata esta lexislatura, os concelleiros do PSOE non acudían aos plenos, algo que cre que é necesario, xa que “nos plenos é onde realmente se debate e se aproban as iniciativas, e de aí sae o funcionamento do Concello. Hai que pelexar polos intereses dos veciños para que se leven a cabo os máximos proxectos posibles”, sostén.

Segundo os socialistas, a principal necesidade é facer realidade unha residencia de maiores na Pobra do Brollón. “É un obxectivo histórico que por circunstancias alleas a nós non se puido levar a cabo. Pero estamos niso, a ver se antes de finalizar o ano podemos darlle unha sorpresa aos veciños e veciñas”. Pero esta demanda, sobre a que está convencido de que vai saír adiante, parte dun traballo conxunto. “Non só do PSOE ou da Deputación ou do Concello, estamos todos implicados. É un obxectivo que levamos da man todos os veciños e veciñas da Pobra do Brollón. En cambio o PP non está polo labor, está por xerar dúbidas e medo aos veciños dicindo que non se vai a construír e dicindo que é unha mentira”.

Deste xeito, o PP critica que non vaia a haber finalmente unha residencia de maiores, un tema que lles preocupa, xa que “levan catro licitacións e leva sendo unha promesa do Goberno local desde hai anos, e a xente necesítao. Os tres deputados do BNG da Pobra do Brollón votaron a favor do Plan Único da Deputación pero non podemos ter a residencia de maiores, co diñeiro do Concello supostamente adiantado, cando temos unha débeda moi elevada”. Para eles, as necesidades do municipio comezan por mellorar o traballo social, a cultura, as infraestruturas… Tamén pasan pola creación de emprego de calidade, xa que “hai que apoiar os autónomos e empresarios do Concello e ter un mantenemento de servizos sociais para que a xente quede”, explica.

Ademais, di que a xente “ten moitos problemas coa auga, coa recollida do lixo, os contedores teñen mal olor… hai unha mala organización que se ve reflectida nos veciños”. Outras necesidades que establece Teddy López son o abastecemento da auga, o saneamento de contas do Concello “porque non se sabe a débeda que hai”, a falta de iluminación nas vías públicas, o mantemento das infraestruras “porque hai cousas abandonadas”, e tamén atender á perda de emprego “porque non hai emprendemento”.

Fixar poboación e potenciar o turismo

Pola contra, fixar poboación forma parte do programa socialista no Concello. “Levamos uns anos nos que non crecemos, nos que perdemos poboación e este ano crecemos en 17 persoas, non é moito, é un 1 %, pero é en positivo. Quere dicir que imos no camiño adecuado”, explica Adolfo Rubio. Dende a formación política están convencidos de que ese dato pode disipar moitas dúbidas en canto ao futuro da vila. “Estamos convencidos de que ten que haber un retorno. Aposto firmemente en que o futuro vai a estar no rural, e iso dáme moita satisfacción”, asegura. O turismo non pasa desapercibido para o candidato socialista que aposta por este sector, “pola Ribeira Sacra que é un patrimonio que temos todos os veciños da Pobra do Brollón e polo Camiño de Santiago”.

En canto aos sacrificios que supón formar parte da oposición dun concello, Rubio ten claro que non é só un tema do candidato, senón do equipo. “Son persoas solidarias, que queren o mellor para o sitio no que viven, que teñen ganas de facer cousas positivas, de que isto evolucione e de que todo o traballo de seus pais e de seus avós se materialice e non morra”.

Pola súa parte, Teddy López cre que son máis os sacrificios que os beneficios, xa que explica que “supón moitos dores de cabeza, porque estás escoitando todos os días os problemas da xente, as necesidades dos veciños e veciñas, veñen todos á oposición para resgardarse detrás, e que ti vaias dar a cara, quen quedas mal es ti”. Con respecto aos beneficios di que só é “a satisfacción de ver que mellora o pobo coas nosas propostas e ver aos veciños contentos de que se fan cousas grazas a nós e que estamos enriba de que se corrixen”. Ademais, di que por ser concelleiro “non se cobra nada”, só 50 euros por asistir a cada pleno.

Porén, o voceiro popular cre que o seu partido axuda moito á Pobra do Brollón grazas as boas relacións que manteñen coa Xunta de Galicia, xa que ao estar presidida polo PP, “intentamos conseguir subvencións e axudas que melloren a vida dos veciños”. Así, cre que sería “mellor” ter no Goberno local ao PP para ter mellores relacións coa Xunta e conseguir máis cousas para que siga medrando.