Skip to main content
Chantada

Máis de mil persoas participaron da concentración convocada por Chantada Quere Sanidade

A manifestación convocada pola plataforma Chantada Quere Sanidade que percorreu Chantada, xuntou máis dun milleiro de veciños, cifras de participación que non se ven na vila dende hai décadas, segundo explican desde a organización.

Tamén os empresarios se sumaron á manifestación, pechando establecementos antes ou ao paso da manifestación que percorreu as principais rúas da vila pedindo unha mellora na atención sanitaria en Chantada e Carballedo.

Así, dende a plataforma denunciouse en todo momento as problemáticas que viñan acontecendo dende fai anos no que respecta Centro de Saúde de Chantada e tamén no Hospital Comarcal de Monforte, “situación que se agrava cada mes ou case cada semana”.

Dende a plataforma senten que teñen folgos de sobra, co apoio popular que se evidenciou aínda máis con esta concentración, para seguir loitando por uns servizos públicos de calidade e non unhas migallas asístenciais para que a poboación busque atención sanitaria no sector privado, aqueles que poden pagalo.

A manifestación fixo unha pausa a medio camiño onde se deron datos da situación sanitaria neste momento e se respostou a Ramón Ares Rico, xerente da área sanitaria de Lugo, xa que hai uns días dixo que no Centro de Saúde de Chantada se traballaba “coa normalidade que se viña desenvolvendo meses antes do Nadal”, cando xustamente meses antes do Nadal a plataforma xa viña denunciando a anormalidade que se vivia no centro de saúde.

Así, desde a plataforma din que “dende a cúpula da Consellería de Sanidade isto é o que queren implantar como unha situación normal, que a atención primaria sexa deficiente, desbordando a os centros de saúde, que esta situación logo se traslade e chegue a colapsar os hospitais cada vez máis faltos de especialistas, e que esta situación finalmente favoreza á sanidade privada que non todos podemos pagar”.

Finalmente, dixeron que “debemos recordar que coas vidas non se xoga e que a Sanidade Pública é un dos bens máis prezados que temos como sociedade”.