Skip to main content
Chantada

O 7 de febreiro celebrarase unha reunión para as comparsas que participarán do Entroido de Chantada

Por 24 Xaneiro, 2024Febreiro 13th, 2024Sin comentarios

O Entroido no Concello de Chantada comeza este domingo, 28 de xaneiro, co Domingo Lambedoiro, unha xornada na que se abre un dos entroidos máis tradicionais da Ribeira Sacra, o Entroido Ribeirao, que comezará a partir das 16.00 horas en Santiago de Arriba.

Antes, ás 11.30 horas, haberá un desfile polas rúas de Chantada xunto con personaxes doutros entroidos tradicionais de Galicia como o Oso de Salcedo ou Boteiros e Fulións de Viana do Bolo.

“Celebramos esta xuntanza de entroidos con entroidos amigos que veñen celebrar con nós o que é o comezo desta festa. Pola tarde, en Santiago de Arriba cruzaremos as hortas e no campo do Moredo realizaremos o Entroido, con todos os personaxes característicos do Entroido ribeirao”, sinala Iván González Rey, da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao.

O Entroido Ribeirao é de especial interese polo seu carácter etnográfico, e continuará coas representacións no Domingo Corredoiro, o Domingo de Entroido e o 13 de febreiro, Martes de Entroido.

Desfile Comparsas Concello de Chantada

O Desfile de Comparsas que o organiza o Concello terá lugar o vindeiro 10 de febreiro ás 17.00 horas na Avenida de Lugo, á altura da Domusvi e ao remate do desfile haberá chocolatada popular e actuación das orquestra Trebol.

As base recollen dúas categorías: Comparsas Absoluta para aqueles grupos formados por máis de 15 persoas e Comparsas Infantil, grupos de máis de 15 persoas formados íntegramente por menores de 14 anos, ou que máis dun 70 % dos seus membros sexan menores desta idade. Nas dúas categorías establecénse catro premios: o primeiro de 1.000 euros, o segundo de 700 euros, o terceiro de 500 euros e o cuarto de 300 euros.

Para incentivar a participación entregaranse 100 euros a cada comparsa de máis de 15 integrantes. Esta axuda daráselle a un máximo de 10 comparsas, de superar esta cantidade priorizarase a orde de inscrición. Así, desde o Concello de Chantada destínanse a este desfile 6.000 euros, 5.000 euros en premios e 1.000 euros en axudas.

O mércores, día 7 de febreiro, ás 20.00 horas celebrarase unha reunión de obrigada asistencia na Casa da Cultura na que participará un representante de cada comparsa. Aportarase ademais o audio, de non máis de 3 minutos, que se reproducirá durante o desfile. Esta xuntanza servirá para aclarar dúbidas e precisar o lugar que cada quen ocupará no desfile.

O xurado valorará de 1 a 10 cuestións como o vestiario e orixinalidade dos disfraces, a posta en escena durante o desfile, a simpatía e a gracia dos participantes, a orixinalidade da carroza ou plataforma, o título da comparsa ou grupo e a actuación final diante do palco.