Skip to main content
Folgoso do Courel

A moción presentada por Courel Vivo pedindo a mellora da cobertura móbil e o acceso a internet foi aprobada por unanimidade

Courel Vivo conseguiu que se aprobara por unanimidade, no último pleno ordinario do Concello de Folgoso do Courel unha proposta presentada para mellorar a cobertura móbil e acceso a internet de calidade no Concello, así como tamén a peticion ao Goberno central dunha maior posicion contra a guerra de Gaza.

Con respecto á primeira, desde Courel Vivo sostiveron que “no Courel somos uns dos concellos que peor velocidades de acceso a internet ten e con máis zonas brancas, as que non teñen cobertura de rede móbil ou GSM”, explicaron.

Ademais, lembraron que, tras ano e medio dos lumes, “aínda seguen as conexións pola cuneta entre Quiroga e Seoane, polo que o abandono das compañías e da administración competente cara o Courel queda demostrada”, sostiveron.

Por todo isto, solicitaron a Amtega e á Xunta de Galicia a especial condición do Courel “e que nos inclúan na Estratexia Galicia Digital 2030 para erradicar esta falta de cobertura 4G”, así como solicitaron ao Ministerio de Transición Ecolóxica que subsane os datos que non din a verdade sobre a implantación do 4G no territorio e” que nos incluian de forma prioritaria nos plans de mellora de cobertura e acceso a internet”. Por último, solicitaron que todas as novas antenas que se instalen no Courel veñan dotadas de 4G ou 5G.