Skip to main content
Monforte

Monforte recibe a visita dos Reis Magos para facer realidade a ilusión de nenos e nenas

Por 6 Xaneiro, 2024Xaneiro 7th, 2024Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación municipal, recibiu na Estación do tren ás Súas Maxestades os Reis Magos, que como cada 5 de xaneiro volveron visitar Monforte para facer realidade as ilusións de nenos e nenas da cidade.

Na recepción oficial do alcalde no andén da Estación de tren tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Concello monfortino. A comitiva real estivo integrada por catro carrozas, unha coa Estrela de Nadal e 3 para os Reis Magos e seus paxes. Os paxes foron alumnos de sexto de primaria dos centros de ensino da cidade. Ademais na comitiva tamén participaron o Grupo de Gaitas do Concello, así coma outros grupos musicais e decorativos, con formas de animais.

A comitiva real partiu dende a Praza da Estación e percorreu as rúas de Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e a Avenida de Galicia (Ponte Novo), finalizando no Campo de Santo Antonio ante a Casa do Concello. Na praza do Campo de San Antonio foron recibidos novamente polo Alcalde e membros da Corporación municipal. De seguido, dende o balcón da Casa Consistorial, deron lectura ó discurso real e repartiron caramelos entre os asistentes congregados na praza.

Finalmente, nas escaleiras do vestíbulo do Concello, os Reis Magos recibiron ós nenos e nenas que quixeron coñecelos e levar un recordo da súa visita. “Coa chegada dos Reis Magos a Monforte, e co apagado, o vindeiro domingo 7 de xaneiro, do alumeado de Nadal do Concello, daremos por finalizado o completo programa de actividades de Nadal que dende o Equipo de Goberno desenvolvemos este ano en Monforte, e que resultou todo un éxito de participación”, destacou o Alcalde.