Skip to main content
Monforte

O alcalde de Monforte protagonizou o traspaso da capitalidade de Rede de Xuderías na Fitur

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, están a participar da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebra en Madrid do 24 ao 28 de outubro.

Un dos actos relevantes durante a xornada de onte foi o traspaso da capitalidade da Rede de Xuderías, que a cidade de Monforte ostentou en 2023, sendo o seu presidente José Tomé Roca e agora pasa a Plasencia, sendo o novo presidente da Rede o seu alcalde, Fernando Pizarro García-Polo.

O alcalde monfortino salientou que “foi un reto enorme asumir a presidencia da Rede de Xuderías en 2023, pero foi un reto e unha honra xa que foi a primeira vez que a nosa cidade acolleu a presidencia da Rede, dende que ingresamos nela en 2001, xa hai 23 anos”. Así, durante a presidencia ostentada por Monforte “desenvolvemos os proxectos troncais desta asociación, que afectan a aspectos tan importantes da xestión municipal, como o son o turismo, a cultura e a educación”, destacou o rexedor.

63ª Asemblea da Red de Juderías

Un dos retos máis salientables que desenvolveu José Tomé durante a súa presidencia da Red foi a organización da 63ª Asemblea da Red de Juderías “que celebramos en Monforte o 26 e 27 de outubro, a cal foi todo un éxito en canto a participación, co 70 % dás cidades membro presentes, e tamén un éxito en canto ós acordos adoptados”.

Baixo a presidencia de Monforte de Lemos, “levamos a cabo un completo programa de accións e actividades, co obxectivo común que nos une as 21 cidades membros desta Rede, que é poñer en valor e difundir a riqueza patrimonial e cultural sefardí que albergamos nos nosos concellos” subliñou o rexedor monfortino na súa intervención. “Que a capitalidade da Rede de Xuderías recaese en Monforte de Lemos foi para nós un reto enorme, pero as ganas e a ilusión coa que o afrontamos, creo que deu resultados satisfactorios, e seguimos consolidando o labor desenvolta nestes últimos anos”.

José Tomé tamén recalcou a importancia que ten para Monforte formar parte desta Rede “de cidades tan diferentes en tamaño, costumes e cultura que están distribuídas por todo o territorio nacional e que supoñen para Monforte unha oportunidade de darse a coñecer e poñerse en valor coas actividades conxuntas da Rede”.

Antes de rematar a súa intervención, o alcalde felicitou ó seu sucesor no cargo, o Alcalde de Lucena, ó que lle transmitiu que “esencia do noso traballo á fronte da Rede, non é outra que poñer en valor o que nos une como Asociación, e creo que é algo que debemos manter sempre, presida quen presida a Rede de Xuderías”.