Skip to main content
Monforte

O alcalde de Monforte destacou a importancia do Camiño de Inverno na Fitur

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou na presentación da asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago que tivo lugar no posto da Xunta dentro da Feira Internacional de Turismo (FITUR).

No acto, o presidente da Asociación avanzou algunhas das iniciativas relacionadas co Camiño de Inverno que se anunciarán proximamente, e nas que o Concello de Monforte colabora activamente como membro de dita asociación.

A asociación segue a traballar na promoción, mellora e difusión do Camiño de Inverno, e xa iniciou a súa folla de ruta de cara ó próximo Ano Santo Xacobeo, que terá lugar no ano 2027.

Neste senso, José Tomé, destacou “a importancia de traballar unidos e baixo o obxectivo común da difusión desta ruta xacobea, que supón un incentivo promocional máis dentro da oferta turística de Monforte e da Ribeira Sacra”.