Skip to main content
Monforte

O alcalde de Monforte informa á veciñanza de que cesarán as emisións de televisión en SD

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa as veciños e veciñas de Monforte que antes do 14 de febreiro de 2024 cesarán todas as emisión de televisión en formato SD (calidade estándar) para facilitar o ancho de banda e comezar coas emisións en formato HD (Alta Definición) en toda España, o que significa unha maior calidade de imaxe e son.

Esta información, que foi remitida ao Concello de Monforte polo Goberno de España a través da Subdelegación do Goberno de Lugo, aclara que se verán afectadas as vivendas que non dispoñan dunha televisión ou decodificador externo compatible e aquelas que reciban o sinal vía satélite e tampouco dispoñan dun receptor compatible.

A transición obrigatoria á alta definición da Televisión Dixital Terrestre en España estaba inicialmente programada para o 1 de xaneiro de 2023, pero finalmente pospúxose ata o 14 de febreiro de 2024, debido á situación excepcional da Covid-19.

Nesa data, será obrigatorio que as canles de televisión emitan en calidade HD, polo que as canles en SD desaparecerán por completo, co obxectivo de aforrar ancho de banda, algo crucial para a transmisión de contido en 4K e directamente relacionado coa expansión das redes 5G no país.