Skip to main content
Monforte

O alumnado do IES A Pinguela visitou o Centro Internacional de Investigación de Sistemas Autónomos Avanzados

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañou a un grupo de 40 alumnos e alumnas de 1º de ESO do IES A Pinguela de Monforte nunha visita ao Centro Internacional de Investigación de Sistemas Autónomos Avanzados, IRCAAS, de Avincis no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, no marco do programa de actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia.

Durante a visita, Argerey destacou o valor desta actividade desenvolvida por Avincis no impulso de novas vocacións no sector aeroespacial e, especialmente, no dos vehículos non tripulados en Galicia.

Na actividade ‘Fly the future’, o alumnado asistiu a unha charla divulgativa onde coñece por que voa un avión, fixo un percorrido polas instalacións do IRCAAS, visitou a sala de simulación onde pode pilotar virtualmente o vehículo non tripulado LUMES e experimentou un voo dun dron en contorna mariña e terrestre a través dunhas gafas 3D.

O principal obxectivo do programa ‘Fly The Future’ é espertar no estudantado de educación secundaria a vocación polas carreiras universitarias STEM para potenciar a súa empregabilidade no futuro, en centros de investigación e empresas como as que atoparán no Polo Aeroespacial de Galicia.