Skip to main content
Monforte

A Pladesapu presentou unha moción sobre a sanidade pública que foi apoiada polo PSOE, BNG e Esperta Monforte

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da zona sur de Lugo presentou no Pleno da Corporación de Monforte unha moción sobre a situación da sanidade pública, co obxecto de que “as nosas e nosos representantes apoien peticións que consideramos fundamentais para que a Sanidade non esmoreza na nosa contorna”, explican.

Así, reivindicaron o incremento do orzamento sanitario, o aumento do persoal facultativo e de enfermería, e a devolución da Área Sanitaria a Monforte, “que comportaría dispór de orzamento propio e, polo mesmo, de capacidade de inversión e gasto”, defenden.

A moción, que foi apoiada polos grupos municipais de PSOE, BNG e Esperta Monforte e contou coa abstención do Partido Popular, demandaba tamén apoio e participación na gran manifestación coa que o pobo galego protestará pola “desastrosa situación da Sanidade Pública en Galicia” o vindeiro 4 de febreiro na Praza do Obradoiro de Santiago.