Skip to main content
A Pobra do Brollón

Faise unha valoración dos primeiros seis meses de funcionamento do albergue municipal da Pobra do Brollón

O albergue municipal da Pobra do Brollón vén de cumprir 6 meses desde que abriu a mediados de xullo, acollendo 36 prazas para peregrinos que fagan o Camiño de Inverno.

A súa concesionaria, Anabel Alves, sostén que durante estes seis meses, a ocupación media diaria foi do 15 % e os hóspedes foron na súa maioría, sobre un 80 %, peregrinos e peregrinas que rematan etapa do Camiño de Inverno no municipio da Pobra do Brollón.

Anabel salienta as diversas procedencias da clientela, xa que se hospedaron persoas de Estados Unidos, Canadá, Italia, Alemaña, Francia, Israel, Taiwán, Nova Zelandia, Australia, a República Checa, Romanía, México e Colombia.

Para ilustrar esta diversidade, comenta que os primeiros en estrear o albergue foron dous franceses, e os últimos hóspedes do ano, dous galegos e un peregrino de Texas.

Potencialidades da Pobra do Brollón para os peregrinos

Ademais, o albergue tamén recibe turistas e visitantes atraídos por actividades e eventos programados na Pobra do Brollón como o festival As Cores do Outono, o Trail Capela do San Vitoiro ou o Entroido de Salcedo.

Os hóspedes valoran moito os servizos do albergue, así como a posibilidade de ter un almorzo preparado. Para as comidas e ceas, o albergue colabora cos locais de hostalería da Pobra, que fan entregas á porta. Ademais, os visitantes tamén pode usar as instalacións para preparar a súa propia comida.

Ademais dispoñen no albergue dun punto de venda de produtos locais, sendo o viño de Vilachá, o mel e a artesanía os produtos máis comprados.

Perspectivas de futuro

De cara ao presente 2024, Alves comenta que xa teñen reservas para datas próximas como o Entroido, pero tamén para os meses de verán e esperan acoller varias visitas escolares.

Ademais, para atender as reservas, teñen previsión de incorporar a unha cuarta persoa para unirse ao equipo de tres mulleres que actualmente xestionan o albergue.

Dende o Concello desénxanlle a Anabel e ao seu equipo que continúen co “bo traballo para que neste novo ano”, traendo “aínda máis visitantes que poidan coñecer e gozar da Pobra do Brollón”.