Skip to main content
A Pobra do Brollón

O PP denuncia o estado das estradas provinciais na Pobra do Brollón

Os deputados provinciais do PP Antonio Ameijide e Luis Fernández comprobaron o “perigoso” de circular polas estradas provinciais da Pobra do Brollón, xunto ao voceiro popular neste municipio, Teddy López, onde atoparon fochancas “nas que cabe un vehículo” e, tras falar cos veciños, coñeceron que se producen constantes accidentes.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, “é o principal responsable” de poñer en perigo a todos os lucenses da provincia “ao negarse reiteradamente a realizar o mantemento da rede viaria provincial”, sostén Ameijide.

Así, o deputado popular explica que na Pobra do Brollón están “algunhas das estradas provinciais máis perigosas de Lugo e por desgraza están nun estado moito peor que no verán, cando denunciamos o seu calamitoso estado”.

O voceiro popular afirma que Tomé “non pode alegar descoñecemento, xa que hai 6 meses que lle advertimos publicamente e de xeito oficial nunha iniciativa presentada ante o pleno da Deputación sobre a situación destas estradas provinciais, pero nada fixeron a sabendas do risco e da situación”.

Un plan de mantemento das estradas provinciais

Dende o Grupo Provincial Popular inciden na necesidade de realizar un plan de mantemento das estradas da Deputación, “comezando por aquelas que presentan un maior deterioro”.

Entre as estradas que revisaron os populares están a LU-P-4701, da Pobra do Brollón a Folgoso do Courel, e a LU-P-4710, de Salcedo á Estación da Pobra do Brollón, nas que as fochancas xa provocaron accidentes.

“A realidade é que nestas estradas os baches son máis grandes que os coches, con iso xa queda todo dito”, afirmou.

O voceiro popular critica a “pouca seriedade e falta de empatía” de Tomé que “nin aos municipios limítrofes ao que goberna é capaz de coidar minimamente”, xa que “mentres ten as estradas en perfectas condicións no seu municipio, condena aos demais a xogarse a súa integridade física circulando por estradas sen mantemento”.

Na Pobra do Brollón nin ter un alcalde dun partido que forma parte do bigoberno da Deputación de Lugo serve aos seus veciños para ter as estradas en boas condicións, “un exemplo máis do municipalismo de amiguetes de Tomé, que unicamente coida aos seus amigos”.