Skip to main content
Taboada

O cartel da XXXII edición da Festa do Caldo de Ósos foi presentado na Deputación de Lugo

Por 22 Xaneiro, 2024Febreiro 13th, 2024Sin comentarios

O tenente alcalde de Taboada sostén que a Festa do Caldo de Ósos conseguiu “consolidar Taboada como espazo ineludible de xuntanza para os amantes da gastronomía de calidade”.

A Deputación Provincial de Lugo acolleu a presentación do novo cartel e liña gráfica da Festa do Caldo de Ósos, na súa XXXII edición, que terá lugar o vindeiro 11 de febreiro e na que participaron a deputada de Cultura, Iria Castro, e o tenente de alcalde do Concello de Taboada, Xosé Portela, acompañado polo concelleiro de Cultura, Deportes e Medio Rural de Taboada, Manuel.

Xosé Portela exerceu de voz e convite á Festa do Caldo de Ósos, resaltando o evento como un dos símbolos identitarios indiscutibles do concello de Taboada e da contorna. Así, incidiu no carácter único do caldo de ósos, “absolutamente imbricado na nosa orixe cultural, que co paso dos anos conseguiu consolidar Taboada como espazo ineludible de xuntanza para os amantes da gastronomía de calidade”, sostivo.

Ademais, destacou a Festa do Caldo de Ósos como recurso gastronómico transcendental para a creación da paisaxe cultural de Taboada, “unha paisaxe cultural que se conta a través da homenaxe ao produto, da receita como insignia da memoria e o imaxinario colectivo, e do propio ritual tradicional herdado da súa degustación, tanto nas casas particulares como na propia festa”.

Así, resaltou que a Festa do Caldo de Ósos, “non é só a unha celebración gastronómica: nunha cunca de caldo de ósos, saboréase tamén o territorio, a historia e o patrimonio, a tradición, a lingua, e cada símbolo identitario da zona”, concluíu.

Deseño do cartel

O cartel desta XXXII edición é unha gráfica de Rosa de Cabanas, arquitecta, ilustradora e deseñadora cunha fonda vinculación co medio rural, que presenta a festa como transmisor de cultura, legado de tradición, de raigame e de vínculo coa terra.

O protagonismo teno as mans que serven o caldo, que lembran e reivindican o valor das mulleres que coidan, gardan e transmiten o coñecemento e legado da receita.

Ademais, aparece o produto como eixo, un recoñecemento do valor e calidade das materias primas empregadas: o porco, local e de calidade. E  o carácter festivo, a celebración con raíz na tradición, pero actualizada e contemporánea, na figura desa bailadora/pandereteira; que é hoxe en día é imaxe insignia.

Así, preséntase unha gráfica “anovada, fresca, actual e dinámica así como unha renovación  no propio concepto da Festa e na abundante e variada programación, da que se dará conta nos vindeiros días”, incidiu o tenente de alcalde.

Tamén están presentes no cartel as persoas, “a visibilización e valorización do acervo culinario, a inclusión do Concello de Taboada na axenda gastronómica e cultural de Galicia, baixo a marca da autenticidade e a proximidade, a orixe e o arraigo territorial, a través do reclamo gastronómico e turístico, convertindo a convocatoria, en plataforma de promoción de desenvolvemento”.

Colaboración da Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa celebración da XXXII edición da Festa do Caldo de Ósos de Taboada, así o defendeu a deputada Iria Castro, que  destacou a importancia deste encontro que volve cunha nova imaxe e na que “a gastronomía é o centro da celebración pero tamén se engaden a cultura e a tradición, algo esencial para outorgar máis valor a esta cita que xa, de por si é todo un éxito de público”.

Así mesmo, agradeceu “a posta en valor do produto local e da capacidade de traballo para renovar un dos símbolos de identidade indiscutible do concello de Taboada e da contorna”.