Skip to main content
Taboada

O xornalista Manuel Gago será o pregoeiro da XXXII edición da Festa do Caldo de Ósos de Taboada

A XXXII edición da Festa do Caldo de Ósos que se celebrará os vindeiros 10 e 11 de Febreiro de 2024 no Concello de Taboada xa conta con pregoeiro, o xornalista, profesor, escritor e investigador Manuel Gago.

Dende a Área de Cultura, Deporte e Medio Rural do Concello de Taboada consideran fundamental “contar, visibilizar, difundir e valorizar un elemento patrimonial tan importante como é esta festa”, explican. Así, trátase de comunicar o que pasa detrás da cortina, no previo dos produtos que conforman esta característica paisaxe gastronómica.

Ademais, tamén queren potenciar a produción local, “base do que facemos e somos”, sosteñen: “unha amalgama de compoñentes que inclúe paisaxes, arquitectura, historia, patrimonio, estruturas e relacións sociais”.

Por estas razóns elixen a Manolo Gago como padriño e pregoeiro desta XXXII edición, para ser a voz e o creador dun relato que contribúa a construír unha narrativa do caldo de ósos. “Unha voz que asocia produtos, tradicións e paisaxes culinarias coa marca diferencial e a riqueza exclusiva e intrasferible de Taboada. O local, como eixo”, conclúen.

Quen é Manuel Gago?

Manuel Gago é doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, director de culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor asociado na USC, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo.

Ademais, Gago é o creador e promotor do Código Cociña, un código de boas prácticas para o blogging gastronómico e colaborou semanalmente no programa  gastronómico da Radio Galega Come e Fala, co que gañou o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico 2010. Dende o 2009 é Socio Honorífico da Asociación Profesional de Cociñeiros de Galicia e gañou o Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro ao mellor web gastronómico 2009 co documental Coas nosas mans, traballo creado coordinando un equipo de alumnos da Facultade de CC. da Comunicación.

Profesional prolífico en moitos eidos, como o da divulgación histórica e científica, a divulgación cultural, a difusión e investigación no ámbito arqueolóxico, e ata como escritor e ensaísta, ten ademais, un vínculo indiscutible co patrimonio culinario galego e unha querencia especial polo Caldo de Ósos, como quedou patente no artigo publicado en Capítulo 0, sobre a histórica Casa Descalzo:

“Chegou o Caldo de Ósos, as costelas adobadas con patacas das de verdade, o mencía do ano de Taboada, as filloas de sangue e as filloas normais, o queixo, a mel, o café, o augardente de herbas, o carillón soando en badaladas e as zapatillas arrastradas das vellas movéndose nos metros cadrados mínimos. As baldosas parecían caer de esbirros do vapor das potas, as mans dunha avoa quentaban as filloas contra a prancha de ferro da vella cociña económica. Sesenta anos leva Casa Descalzo alí, e debeu existir unha promesa de non tocar o local en todo ese tempo”.