Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Carlos Fontal, de Revestimentos Fontal: “Case todos os clientes quedan contentos e repiten”

Por 7 Xaneiro, 2024Xaneiro 8th, 2024Sin comentarios

Falamos con Carlos Fontal, xefe e promotor da empresa Revestimentos Fontal en Sarria, situada na céntrica praza Galicia.

Como nace a iniciativa de crear esta empresa?

Revestimentos Fontal creouse hai 31 anos porque eu, antes, traballaba para unha empresa do mesmo sector e despois de tres anos, un compañeiro e eu vimos que había moita demanda, a suficiente como para poder poñer en marcha un negocio pola nosa conta.

Así, montamos unha sociedade os dous, pero despois de seis anos, o compañeiro deixou o negocio e quedei eu só, que sigo con isto ata o día de hoxe. Agora somos 2 ou 3, depende de tempada, xa que hai momentos nos que hai moito traballo e hai momentos nos que non.

Ultimamente si que é verdade que temos moito traballo, na construción estamos na mellor época para sacar rendemento. Pero tamén temos moito traballo porque a xente que nos contrata non atopa outra xente, polo que nos contrata a nós, o que está ben, pero tampouco estamos moi contentos coa situación, porque é verdade que non hai xente para traballar disto.

Ademais, nós xa temos unha idade e tampouco queremos arriscar en contratar a alguén que non saiba ou non teña ganas e nos faga perder o tempo. Non hai traballadores novos cualificados nin con ganas de traballar de verdade, porque este é un traballo duro; temos que estar ao sol en verán e ao frío en inverno e a xente nova non quere.

Como é o traballo do día a día?

Nós traballamos de 09.00 a 13.00 e de 15.00 a 19.00 horas, oito horas nas que imos ás obras das reformas, xa sexan de piso ou de casa, e facemos os revestimentos, que poden ser de xeso, de morteiro ou de cartón xeso (pladur).

Movémonos, sobre todo, por Sarria e a súa comarca, pero tamén por algúns concellos da provincia de Lugo. Por exemplo, durante os anos 90 participamos de grandes obras en vivendas sociais que se levaron a cabo. Agora, por exemplo, fixemos obra na Ponte Vella de Sarria, na Pobra de San Xiao de Láncara, en Quiroga…

Como era o traballo antes e como é agora?

Antes, o traballo era máis duro. Viña o material en sacos grandes e pesados e había que cargalo en peso para poñelos en palés desde os camións, era un traballo duro. Agora, vén o camión e o material descárgase directamente nunha máquina de proxección para aplicalo directamente no morteiro, polo que non tes que cargar sacos.

A automatización viunos ben para facer o traballo de forma máis sinxela, para tardar menos tempo en facer o traballo e, sobre todo, para nos sobrecargar as costas con pesos. Hoxe en día, o posto de traballo na construción é moito máis cómodo que antes e aínda así non hai xente que queira ir á obra.

Cre que morre a profesión?

Si, creo que morre a profesión porque non hai relevo xeracional nin motivación para que as novas xeracións teñan ganas de traballar disto. A única opción que hai é que veña xente de fóra e cambie isto, dalgunha maneira solucionarán o problema.

Que tipo de ferramentas usan?

Usamos topo tipo de ferramentas: trades, máquinas de proxectar trifásicas con grupos de corrente… Se traballamos en fachadas, ademais, usamos un elevador. Pero non usamos grúas. Tampouco usamos materiais de deseño, xa que nós facemos a obra do revestimento, non o deseño da reforma; iso contrátase a parte.

Como é a relación cos clientes?

A relación cos clientes é moi boa. Case todos quedan contentos e non adoitamos ter problemas. A maioría dos nosos clientes son habituais e fieis e repiten, pero tamén fálanlles de nós a outras persoas que logo nos contratan.

Pode ser porque falamos de todo con eles, a comunicación é fluída, adaptámonos ao deseño que nos piden e os materiais que utilizamos veñen con garantía, polo que nos teñen problemas. Ademais, eles, se queren opinar e saben do tema, poden elixir que tipo de materiais utilizar ou de que forma facelo.