Skip to main content
Cultura SARRIAXAO Páramo

Ramiro López, xerente da Fervenza: “Queremos que as persoas que veñan se sintan como na súa casa”

Por 14 Xaneiro, 2024Xaneiro 15th, 2024Sin comentarios

Falamos con Ramiro López López, xerente da Fervenza Casa Grande e Restaurante, situado no Corgo, na estrada que vai de Lugo cara ao Páramo.

Por que decidiu facerse cargo do negocio?

A idea xurdiu hai cinco anos que nos fixemos cargo do negocio porque se vendía e mo ofreceron e daquela non tiña ningunha intención, pero gustoume moito o sitio, a contorna, a paisaxe… pareceume todo idílico, polo que me lancei nesta aventura, a pesar de que coincidirnos co tema da covid, que foi horroroso, xa que traballamos ao 30 % durante oito meses. Foi duro pero fomos saíndo e agora estamos contentos, cada vez mellor.

Con que instalacións contan?

Contamos con tres comedores pequenos que teñen sitio para 16 persoas cada un deles e tamén contamos cun gran comedor con capacidade para 200 persoas que se pode dividir en dous espazos diferentes. Neste último é onde adoitamos acoller os eventos, sobre todo no Día do Pai e Día da Nai, cando adoitamos ter arredor de 50 persoas.

Despois, temos tamén fóra unha ampla terraza arredor da casa rural e un espazo, como falaba antes, de bosque e o río Miño, onde se atopa o muíño.

Tamén cabe destacar a nosa casa rural, que conta con 9 habitacións, dúas delas nas que caben 4 persoas, xa que son familiares, e as outras son dobres para parellas.

Que tipo de produtos ofrecen?

No restaurante non temos un produto único a destacar. Nós intentamos apoiar todo o posible os produtos da terra galega, de Lugo, da Ribeira Sacra… Así, ofrecemos carne de Porco Celta, de Tenreira Galega, tamén contamos con produtos do mar, como a anguía, o bacallau… Temos unha carta moi variada, na que destacan tamén as croquetas de chacina galega con queixo galego…

Tratamos sempre de negociar con xente de Lugo e Sarria, pero tamén tratamos con xente de Galicia para promocionar os nosos produtos galegos e que os turistas e peregrinos que se achegan á Fervenza se leven unha imaxe do que temos.

Falábame da contorna, como é?

Estamos situados no Corgo, a 3 quilómetros do centro da vila, a 22 quilómetros de Sarria, a 25 de Portomarín e a 10 de Láncara e a fervenza está situada á beira do río Miño, onde hai un muíño pequeno que data do 1700, o único natural que hai desde Meira, onde nace, e ata Portugal. Os demais son encoros artificiais.

Ademais, a casa rural que forma parte da Fervenza data de 1780, polo que é un ben patrimonial do que dispoñemos e que está rodeado dun bosque enorme. Temos unhas 18 hectáreas de terreo das que os visitantes poden desfrutar.

Hai moito turismo pola zona?

Evidentemente, temos moito turismo. Como comentaba antes, a paisaxe idílica e impresionante fai que veña moita xente. Ademais, traballamos directamente con persoas, pero tamén con tres axencias que nos mandan persoas do Camiño de Santiago, que ao final son clientes que quedan contentos e repiten, dinllo á axencia e mandan máis xente. Sobre todo, hai peregrinos que se achegan a pasar uns días do Camiño aquí e podemos atoparnos con españois, americanos, chineses…

Que horarios teñen?

Nós traballamos todos os días do ano, non descansamos ningún, A Fervenza sempre está aberta. E, concretamente, traballamos máis fortemente de domingo a xoves cos peregrinos que fan o Camiño de Santiago, e as fins de semana co resto de turistas que se achegan.

Temos moita xente nova que ten curiosidade por coñecer A Fervenza e pasar tempo no mundo rural. Tamén temos eventos que, o día que teñen lugar, pechamos A Fervenza para que sexa un evento exclusivo para eles e que o turismo rural sexa respectado.

Que tipo de eventos organizan?

Facemos eventos de todo tipo, desde vodas, comuñóns, bautizos, eventos de empresa, aniversarios… Ademais, ofrecémoslles información turística sobre as dúas rutas que hai desde A Fervenza, unha de 15 km a Lugo e outra circular de 5 km que están moi ben sinalizadas e nós axudámoslles por se as queren facer.

O cliente o que adoita facer é cenar con nós, durme e despois fai a ruta ou vai á Ribeira Sacra e visita lugares da provincia.

Con que equipo de traballo contan?

Somos sete persoas fixas que traballan uns en cociña e outros de camareiros que tamén poden facer o check-in dos turistas e logo contamos con extras para os fins de semana ou eventos. Pero, en xeral, estamos todos a todo.

Somos como unha familia e todos temos que facer de todo. Por iso, a xente queda contenta, porque ven o compromiso do equipo.

Temos un libro de visitas no que os turistas escriben como foi a súa estancia na Fervenza e case todas as valoracións son positivas, aínda que a maioría xa se sabe como se senten antes de que escriban.

Queremos que se sintan como na súa casa, cun ambiente familiar e pequeno, onde podemos personalizar máis o trato.

Como definiría, en resumo, a Fervenza Casa Grande e Restaurante?

Nós podemos dicilo todo moi ben, pero hai que vivilo, son sensacións que hai que vivir. Hai un mes estiveron 16 mulleres de México na Fervenza e no libro de visitas a palabra que máis repetiron foi “maxia”.