Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

A oposición fala: Efrén Castro, portavoz do BNG en Sarria

Por 21 Xaneiro, 2024Xaneiro 22nd, 2024Sin comentarios

Efrén Castro representa ao BNG no Concello de Sarria e forma parte da oposición ao Goberno local, un papel que destaca como “moi importante”, xa que fiscaliza a acción do Goberno, así como fomenta propostas en positivo.

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?

A verdade é que teño consciencia de ter preocupación pola política dende moi novo. Lera a Castelao e chamoume a atención, sobre tema do nacionalismo, polo que comecei a militar en Galiza Nova en 1999, aos 16 anos.

Levo toda a miña vida adulta ligada á política e ao BNG, xa que cando es menor de 30 tes que militar en Galiza Nova e logo xa pasas ao BNG, é unha cuestión de idade e de permanecer na militancia.

Desde cando forma parte da política local do Concello de Sarria?

Desde que milito no BNG formei parte das listas, pero a primeira vez que entrei na política local foi no ano 2015 que saín elixido e entramos no Goberno local.

A verdade é que hai unha evolución grande da miña persoa pola aprendizaxe adquirida, porque estar desde fóra e acompañar é distinto que estar en primeira fila.

Nese primeiro mandato entramos e valeume de aprendizaxe rápida para ver como funcionan as institucións e axuda moito pasar polo Goberno e agora ao labor da oposición, que ás veces tende a ser menos xusta cos gobernos. Estar en diferentes lados aumenta as miras, fíxome facer un traballo político mellor e formarme como político.

Cal é o papel da oposición no Concello de Sarria?

Eu creo que é, primeiro, fiscalizar a acción de Goberno en todos os aspectos: no que propoñen, como fan… e estar pendentes dese traballo. A oposición tamén debe facer propostas en positivo, aínda que non esteas no Goberno, as liñas programáticas hai que defendelas nos plenos e que algunha saia adiante.

Por outra parte, nun concello como o de Sarria, no que que o Goberno non está en maioría, tamén hai que ter a man tendida para cando sexa posible chegar a acordos para beneficiar á maioría. Nós no mandato pasado aprobamos moitas obras e inversións boas para o pobo máis alá do electoralismo, pensando na veciñanza de Sarria, e esa é a nosa fórmula para construír unha Sarria mellor e chegar a acordos.

Cal cre que debe ser o papel da oposición en xeral, en calquera concello?

Máis ou menos o mesmo. Si que é certo que cando che toca estar na oposición nun Goberno de maioría absoluta é máis difícil chegar a acordos porque son menos dialogantes, pero as formulas son as mesmas: fiscalizar, propoñer e traballar.

Vostede representa o BNG da localidade, como axuda o seu partido a mellorar a vida na vila?

O BNG é un referente na defensa dos dereitos. Todos os representantes do BNG somos referentes aos que acoden moitas persoas en Sarria. Defendemos a sanidade pública e o ensino público con todos os problemas que estamos a ter no colexio.

Somos referentes en dereitos de feminismo e igualdade, xa que denunciamos que temos un Centro de Atención á Muller pechado, coa gravidade que supón esta situación.

Por outra banda, na política local somos unha marca de xente traballadora e somos un referente para modernizar Sarria co que ten que ver con urbanismo e humanizar os espazos públicos…

Todos lembran como somos referentes culturais, a diversidade social levada a cabo desde o Concello cando estivo Mónica como concelleira de Cultura. Así, queremos poñer en valor o noso patrimonio, que pasan por Sarria milleiros de peregrinos cada ano ao seu paso polo Camiño Francés.

Por último, o BNG é promotor do comercio local a tope, e imos seguir traballando por seguir levando medidas para promover o comercio local que é un referente para moitos concellos.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte da oposición e que beneficios ten?

Non os definiría como sacrificios porque é algo vocacional que ten unha parte menos agradable, que é a exposición pública, pero para o bo e para o malo. Se es un representante público, estás para as loanzas e para outras cousas.

Por outra parte, tes que sacar tempo da túa vida persoal para isto, deixar de ver á familia e os amigos e estar aquí, pero é un paso que tes que dar para levar a cabo esta función.

Para min hai máis beneficios: ese contacto coa xente, que se acheguen para contar as cousas e a satisfacción de cando se constrúe algo para mellorar a vida das persoas. Ponderan máis os beneficios.

Como son as condicións laborais e económicas que ten un representante municipal na oposición neste concello?

En Sarria e nos concellos pequenos ningún concelleiro da oposición ten dedicación, como si que pasa na Deputación ou no Concello de Lugo, que algún concelleiro ten dedicación, pero en Sarria non. Economicamente cóbranse as dietas de asistencia a plenos e as comisións de contas e de plenos, pero non hai relación laboral.

O seu partido estivo algunha vez no Goberno. Que aportaron ao Concello?

Estivemos no Goberno no ano 2007 con Xermán Arias e logo no 2015 con Mónica. O que aporta o BNG ao Concello de Sarria é unha forma distinta de traballar máis próxima aos cidadáns e pensando moito nas potencialidades do Concello, sen ningún tipo de crernos nada, senón mirando á Sarria que queremos que sexa e impulsala.

Deixamos unha pegada cos nosos resultados electorais, xa que a primeira vez que estivemos no Goberno tivemos un concelleiro e logo dous. A representación é pequena, pero todo o mundo sabe que cando entra o BNG a un Goberno, goberna doutra maneira. Cando chegamos, cambian as vilas onde estamos.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Non teño ambicións persoais, pero si quero que o BNG siga medrando e que Sarria siga medrando, porque cremos que Sarria pode dar moito máis de si. Co BNG no Goberno beneficiaría moito á vila, e sobre todo ter unha muller sarriá como presidenta da Xunta de Galicia, e estamos traballando moito niso.

Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?

Si, evidentemente tratamos de facelo en moitos sitios. Na Deputación tamén o facemos co PSOE. Cremos que cando se pode chegar a acordos para levar unha política para mellorar a vida das persoas, mellor, ademais que os gobernos son máis democráticos. Todos queremos só unha cor, pero temos moita bagaxe con gobernos de coalición, e saen ben. Débense basear a liñas programáticas e traballar para a cidadanía.

Cales considera que son as principais necesidades no seu Concello?

Necesitamos coidar mellor a imaxe das rúas e das zonas verdes, o Paseo das Aceñas, o Parque do Chanto… son francamente mellorables porque hai que modernizar e mellorar o mantemento, xa que rompe se unha varanda, non se repón. Isto non só afecta á vida das persoas de Sarria, tamén ás que nos visitan polo camiño e dá unha imaxe de desleixo, e Sarria merece estar máis coidada.

Por outra banda, é unha necesidade principal mellorar o centro de saúde. Non podemos ter un centro de saúde desatendido sen pediatría ou con citas a 20 días. Moitos pais e nais incluso van a outros concellos. Estamos moi preocupados pola sanidade pública.

Como son as relacións co equipo de Goberno?

Gobernamos hai anos con Claudio Garrido e a nosa relación no persoal é boa, e no político intentamos pensar no mellor para a xente mais alá do electoralismo. Nuns casos chegamos a acordos e noutros, non. Mantemos o criterio que prometimos cando nos votaron e ás veces hai desacordos. Pero unha parte importante é facer unha oposición responsable, e cando algo sexa positivo para a cidadanía, hai que chegar a acordos.