Skip to main content
Sarria

As obras realizadas polas persoas participantes nos talleres da artista Mina Vrillet formarán parte dunha exposición

A Casa da Cultura e a residencia de maiores Nosa Señora do Carme de Sarria foron os lugares escollidos para desenvolver tres talleres da artista francesa Mina Vrillet para todos os públicos de diferentes idades como unha das actividades de Nadal.

Estes obradoiros de creación plástica tiveron como obxectivo ensinarlle as técnicas máis básicas ás persoas que participaron e que eles e elas mesmas puideran plasmar nos cubos e papeis repartidos todo o que lles xurdira da mente con motivo do Nadal.

O primeiro taller foi na Casa da Cultura e estivo orientado aos máis pequenos, que debuxaron e pintaron nun cubo de 12×12, mentres que o segundo foi destinado aos usuarios da residencia de maiores, que pintaron nu cubo de 20×20 e o último, tamén na Casa da Cultura, foi para público adulto.

A artista, moi apegada á vila de Sarria, ten a intención de mostrar as obras feitas polos participantes nunha exposición na Casa da Cultura, incluíndo outras obras doutros talleres impartidos na vila o anterior ano.