Skip to main content
Sarria

Os populares de Sarria din que a culpa da situación na que se atopan os traballadores da limpeza é do Goberno local

Por 20 Xaneiro, 2024Xaneiro 21st, 2024Sin comentarios

O PP de Sarria considera “inaceptables as escusas do Goberno municipal en relación á situación do contrato da limpeza viaria e recollida do lixo que se atopa vencido e en situación irregular dende agosto de 2020”.

Así o manifesta a portavoz, Carmen José López, ante as declaracións de Camiña Sarria respecto da situación posta de manifesto polos traballadores do servizo, xa que en setembro do 2020 o Goberno defendeu que non podía licitar o contrato ata que se aprobasen os orzamentos, pero en 2022 se aprobaron uns novos orzamentos e, a pesar diso, “o goberno continúa sen regularizar a situación”.

López lamenta que “agora volvan escudarse de novo nos orzamentos cando o Goberno é plenamente consciente de que o único responsable de que o contrato continúe nesta situación é a súa pésima xestión deste asunto”.

A popular engade que “non é un caso illado, xa que hai outros contratos caducados que supoñen un incumprimento evidente e grave da legalidade. Non é unha excepción, se non unha mostra máis do caos e a incapacidade de xestión do goberno en minoría de Camiña Sarria que pon sempre escusas en lugar de buscar solucións, que é precisamente o que piden e necesitan os traballadores do servizo”.

En calquera caso, os populares recordan que, o Goberno municipal, na súa condición de órgano de contratación, ten a obriga de supervisar o cumprimento do servizo así como o cumprimento das obrigas cos traballadores, tal e como prevé expresamente a normativa de contratación pública.