Skip to main content
Sarria

O PP de Sarria defenderá unha iniciativa no vindeiro pleno para promover a creación dunha Ruta do Románico

Por 22 Xaneiro, 2024Xaneiro 24th, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Sarria vén de propoñer a creación, sinalización e promoción dunha Ruta do Románico de Sarria, como unha “medida e acción para a diversificación e desestacionalización do turismo e a posta en valor do patrimonio do municipio”.

Así, queren promover o coñecemento da arte e a arquitectura románica “que se atopan nas distintas parroquias e núcleos que integran o Concello de Sarria”, defenden.

Esta medida, que defenderán os concelleiros populares no vindeiro pleno do Concello, era unha aposta á que xa se comprometera o Partido Popular na campaña electoral das pasadas municipais, que, segundo eles, contribuirá a “atraer visitas”, ampliando a temporada na que se concentra o turismo en Sarria e “ofrecendo aos visitantes outro atractivo máis”.

Esta medida tamén favorecería, segundo destaca a portavoz, Carmen José López, que “os miles de visitantes que escollen Sarria para iniciar o Camiño de Santiago amplíen os días da súa estancia para coñecer o importante patrimonio histórico, natural, cultural e paisaxístico deste territorio”.

Potencial do Camiño Francés

Nese sentido, tamén “permitiría estender a repercusión turística que ten o Camiño Francés para a vila a máis núcleos e áreas do municipio, ao visibilizar e promocionar tamén con esta ruta o románico rural”.

“A arquitectura e arte románica son probablemente un dos principais exemplos, no Camiño de Santiago Francés”, explica López, que incide en que “esta corrente artística dos séculos XI, XII e parte do XIII salpicou Sarria de multitude de construcións que son testemuñas da nosa historia e que teñen un importante potencial turístico”.

Polo tanto, “o Camiño de Santiago trouxo a Sarria novas correntes artísticas no seu momento que hoxe poden contribuír a complementar os atractivos desta ruta no noso municipio”.

Os populares demandan así máis implicación por parte do goberno local para impulsar iniciativas que dinamicen e diversifiquen o sector turístico en Sarria.