Skip to main content
LáncaraSarria

O PP comprométese a investir 35,5 millóns de euros para converter o corredor Nadela-Sarria en autovía

O PP lucense subliña a aposta do Goberno galego pola vertebración da provincia e a seguridade viaria poñendo como exemplo que prevé dirixir nos próximos anos 35,5 millóns de euros para continuar co desdobramento do corredor Nadela-Sarria ata convertelo en autovía.

Trala posta en funcionamento de 11 km entre A Pobra de San Xiao e Sarria sur tras un investimento da Xunta de 25 millóns de euros, o Goberno que preside Alfonso Rueda ten proxectado continuar co desdobramento nos 16 km entre A Pobra de San Xiao e Nadela.

Durante unha reunión de traballo da candidatura con membros do PP da comarca de Sarria; a presidenta provincial e cabeza de lista ás autonómicas do vindeiro 18 de febreiro, Elena Candia, defendeu que “é fundamental para o desenvolvemento da provincia dotar aos lucenses de infraestruturas do século XXI. E, dende logo, ese é o compromiso do Partido Popular que xa ten demostrado con feitos”.

Os populares sostiveron que o corredor Lugo-Sarria-Monforte, cuxo último tramo se puxo en servizo en 2015, “converteuse nunha das principais infraestruturas de vertebración ao conectar Lugo e a capital de Lemos nuns 45 minutos, grazas a un investimento da Xunta de 135 millóns de euros desde o ano 2009”.