Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

O proxecto Cociña de Ancares Terras de Burón dá a coñecer os seus produtos e atractivos

Por 18 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Presentouse o proxecto Cociña de Ancares Terras de Burón, impulsado polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego da Fonsagrada en colaboración co grupo de desenvolvemento rural (GDR) Montes e Vales Orientais.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron na presentación e alí, puxeron en valor esta iniciativa colaborativa que busca dar a coñecer os produtos agroalimentarios da zona, xunto cos seus atractivos naturais ou históricos.

Na súa intervención, a secretaria xeral referiuse ao pulo do emprendemento feminino, especialmente nas contornas rurais onde se está a asentar de xeito decidido a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta na actualidade con 12 centros activos, incluído o da Fonsagrada do que parte a iniciativa presentada hoxe. Sinalou que o apoio da Xunta ás mulleres emprendedoras continuará neste 2024, con programas como o que cumprirá xa 28 anos dando impulso ao emprendemento e ao emprego feminino, así como ás iniciativas innovadoras e ás medidas de conciliación.

Pola súa banda, a directora xeral incidiu no asesoramento técnico -personalizado e de principio a fin dos proxectos- prestado desde os Polos, que está servindo para que medre o emprendemento en Galicia. Destacou que desde o centro da Fonsagrada xa se teñen atendido máis de 60 persoas emprendedoras, con iniciativas entre as que destacan as hostaleiras, seguidas das referidas á agricultura, a gandaría, a silvicultura ou a pesca.

Cociña de Ancares Terras de Burón 

No acto presentáronse os traballos realizados ata o momento no marco do proxecto de emprendemento Cociña de Ancares Terras de Burón, o estado da iniciativa e os próximos pasos a dar, como a habilitación dunha tenda online. Ao tempo, os produtores participantes no proxecto presentaron os seus produtos a distintos responsables de establecementos, facilitando así o contacto para acadar acordos de colaboración.

En concreto, os produtos que se buscan promover son a androlla, o butelo, os viños, os queixos ou os doces propios da zona, ademais da elaboración de pratos nos que se combina a tradición e a innovación. Así mesmo, o proxecto contempla visitas a explotacións onde se crían os animais dos que proceden estes produtos, a panadarías tradicionais para ver como traballan, facer sendeirismo pola montaña ou descubrir o patrimonio natural e histórico da contorna.