Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

Abre o prazo para solicitar as axudas do Plan de Mellora de Camiños

Por 27 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Xunta abre hoxe o prazo para que os concellos galegos poidan solicitar as axudas do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. Na provincia de Lugo suman un investimento de 4,6 millóns de euros no bienio 2024-2025, divididos practicamente ao 50% en cada exercicio.

A resolución foi publicada no DOG de onte e recolle as contías asignadas a cada municipio; as de maior dotación corresponden a Friol, Vilalba e A Fonsagrada, que superan os 100.000 euros, seguidos de Sarria, Lugo, Guitiriz, Cospeito e Pantón, que suman máis de 90.000 euros cada un.

A distribución do crédito realizouse de acordo con diversos criterios relacionados con cuestións como o número de habitantes, a superficie do municipio, o grao de despoboamento, envellecemento ou un coeficiente de agrariedade onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria.

A convocatoria conta cun orzamento de case 19,5 millóns de euros, dos que 1,5 millóns financiarán a redacción de estudos integrais da rede viaria municipal. Está cofinanciada nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) da medida 0431 do PDR de Galicia 2024-2020, nun 7,5 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 17,5 % por fondos propios da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes.

Actuacións subvencionables

Son subvencionables aquelas actuacións de ampliación -é dicir, que supoñen un incremento da largura que incide na mellora da seguranza viaria ou permitan o cruce de vehículos ou alargamentos necesarios en zona de curvas-, de mellora -un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado-, e mantemento -tanto do firme existente como das súas marxes.

Pola contra, non serán subvencionables aquelas actuacións que consistan unicamente no arranxo de fochas ou aquelas que se realicen en vías interiores dentro dos núcleos de poboación. Cada concello poderá presentar ata un máximo de tres proxectos e cada un dos proxectos poderá comprender ata un máximo de tres actuacións.

Para os efectos deste plan enténdese por camiño de acceso a parcelas agrícolas aquel que sexa de titularidade municipal e que facilite o acceso, en calquera punto do seu trazado, a cando menos dúas parcelas agrícolas.