Skip to main content
As PontesDeportes TERRACHÁXA

As Pontes acolle o primeiro memorial Andrey Navalikhin de waterpolo

Por 5 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Concello das Pontes organiza o domingo 7 de xaneiro o 1o Memorial Andrey Navalikhin de waterpolo, coa colaboración do Club Marina de Ferrol.

Durante o acto de presentación do torneo, que tivo lugar na piscina municipal, a Concelleira de Deportes, Elena López, sinalaba que este Memorial “é unha oportunidade para ampliar o abano da oferta deportiva e de ocio do concello das Pontes; aproveitar para lembrar aqueles anos nos que había equipo de waterpolo no Concello; e sobre todo, plantar a semente para que este deporte volva rexurdir nas Pontes.”

Dende o Club Marina de Ferrol agradeceron a disposición do Concello das Pontes para organizar o torneo, xa que conta cunha das poucas instalacións en Galicia que cumplen os requisitos necesarios para a práctica do waterpolo.

Quixeron salientar tamén a figura de Andrey Navalikhin, falecido en xuño do ano pasado. Ex xogador profesional de waterpolo, e campión do mundo coa antiga Unión Soviética, que chegou a Ferrol nos anos 90 e vencellouse ao Club Marina de Ferrol como adestrador, destacando o seu traballo de formación cos máis pequenos.

O primeiro Memorial Andrey Navalikhin disputarase ao longo de toda a mañá do domingo 7 de xaneiro na piscina municipal do Concello das Pontes, comezando ás 10:00 cun triangular alevín entre o Club Waterpolo Coruña, o Club Waterpolo Santiago, e o equipo do Club Marina de Ferrol. A continuación xogarase un partido entre os equipos infantil e feminino do Club Marina de Ferrol, e pechará o torneo o encontro entre o equipo xuvenil e os másters.

A Concelleira de Deportes quixo salientar que “esta é a primeira de futuras colaboracións do Concello co Club Marina de Ferrol, xa que existe a posibilidade de organizar un torneo en verán ao aire libre, tendo en conta que as instalacións do Lago das Pontes supoñen un enclave privilexiado para a práctica do waterpolo”.

Elena López aproveitou a ocasión para convidar á veciñanza das Pontes e da comarca a achegarse o domingo á piscina municipal para poder gozar do espectáculo do waterpolo.