Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

O Polo Aeroespacial de Rozas abre as portas ao alumnado de Monforte

Por 31 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañou a un grupo de 40 alumnos e alumnas de 1º de ESO do IES A Pinguela de Monforte de Lemos, nunha visita ao Centro Internacional de Investigación de Sistemas Autónomos Avanzados, IRCAAS, de Avincis no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, no marco do programa de actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia.

Durante a visita, Argerey destacou o valor desta actividade desenvolvida por Avincis no impulso de novas vocacións no sector aeroespacial e, especialmente, no dos vehículos non tripulados en Galicia. Na actividade Fly the future na que hoxe participaron os estudantes do IES A Pinguela, o alumnado asiste a unha charla divulgativa onde coñece por que voa un avión, fai un percorrido polas instalacións do IRCAAS, visita a sala de simulación onde pode pilotar virtualmente o vehículo non tripulado LUMES e experimenta un voo dun dron en contorna mariña e terrestre a través dunhas gafas 3D.

O principal obxectivo do programa Fly The Future é espertar no estudantado de educación secundaria a vocación polas carreiras universitarias STEM para potenciar a súa empregabilidade no futuro, en centros de investigación e empresas como as que atoparán no Polo Aeroespacial de Galicia.

Avincis, cunha importante presenza na comunidade, é un dos socios tecnolóxicos e industriais da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, onde está a desenvolver un programa de I+D en colaboración coa compañía Telespazio centrado en dar resposta a retos da Xunta relacionados coa biodiversidade a través de tecnoloxías de sistemas non tripulados. Ademais Avincis, un dos líderes no mercado de operacións complexas con sistemas non tripulados en ámbitos como emerxencias, seguridade e inspeccións, está a desenvolver tres solucións innovadoras para incorporar á prestación de servizos da Xunta de Galicia.