Skip to main content
Guitiriz

O Concello de Guitiriz presenta un orzamento para 2024 de 5,5 millóns de euros

Por 24 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Como sempre, mantense o elevado gasto en persoal xa que a maior parte dos servizos ofrécense sen recorrer á externalización. Inclúese o financiamiento para proxectos como a creación dun Punto Limpo, a rehabilitación da antiga escola de Outeiro ou o saneamento do núcleo de Mesón da Cabra.

O goberno local de Guitiriz presentará mañá, xoves 25 de xaneiro, en pleno o orzamento do Concello para o ano 2024. Un documento equilibrado en gastos e ingresos que ascende a 5.529.431,97 euros, aumentando en 439.146,54 euros con respecto ao do ano 2023.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca que “Guitiriz é un municipio en crecemento e iso ten que estar referendado nos orzamentos do Concello, nos que mantemos unha forte aposta polas políticas sociais e aumentamos os investimentos previstos”.

“Como todos os anos será un orzamento vivo, que verá incrementado o apartado de investimentos ao longo do ano grazas ás achegas pendentes doutras administracións e a incorporación de suplementos de crédito, facendo valer a boa situación económica do Concello cun importante remanente de tesourería”.

A rexedora reitera “a aposta deste goberno polos servizos sociais, algo que desde a nosa chegada é innegociable, tentando tamén manter e mellorar na medida do posible as infraestruturas, os servizos e todo aquelo que viña percibindo a veciñanza”.

Investimentos

O anexo de investimentos ascende este ano a 919.955,80 euros, 205.058,61 euros máis que o previsto inicialmente no orzamento do 2023. Así, incorpórase financiamento para a construción dun punto limpo no polígono (268.064,71 euros), o acondicionamento do núcleo de Pardiñas e a mellora de camiños (60.478,77 euros), o saneamento no núcleo de Mesón da Cabra en Trasparga (111.872,47 euros), a mellora da rúa Libertade (33.000 euros), a rehabilitación da antiga escola de Outeiro (206.686,71 euros), a adquisición de equipamento para o ximnasio (3.907,99 euros), a mellora da cuberta e parámetros verticais do pavillón (20.590,02 euros), investimentos en infraestruturas do Plan Único 2024 (158.355,24 euros), adquisición de mobiliario para o Centro de Día (2.000 euros), para o PAI (3.000 euros), e de equipos informáticos (2.000 euros), ademais do plan de mellora de camiños 2024-2025 (50.000 euros).

Orzamento social

O apartado de gastos correntes ascende a 4.596.976,17 euros nos que destacan os destinados ao persoal municipal e que se xustifican en que a maior parte dos servizos ofréceos o Concello sen recorrer á externalización (servizos sociais, recollida de lixo, mantemento de espazos públicos, de potabilizadoras e depuradoras…).

Consígnanse dúas novas prazas, que están pendentes de modificación da RPT, para un técnico do PAI e de auxiliar de xeriatría do Centro de Día Casa do Capataz.

Mantense a consignación de crédito para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, axudas de emerxencia social, bolsas de formación, material escolar, axudas ao transporte e outras de ámbito educativo… Este capítulo representa un total de 73.200 euros.

Gastos en bens correntes

Marisol Morandeira quixo destacar que, con respecto ao orzamento do ano 2023, hai un incremento de 131.275 euros dado á subida do prezo dos subministros, como por exemplo o gasóleo, a electricidade e outros servizos prestados por empresas que subiron as súas tarifas como por exemplo a xestión das escolas deportivas, o mantemento das instalacións…
No apartado de dinamización social, turística, económica e de promoción continúa a aposta firme de promocionar os produtos locais e o potencial ambiental dos diferentes espazos do municipio.