Skip to main content
Guitiriz

O PP de Guitiriz afea a actitude da alcaldesa sobre o hidroduto

Por 30 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O PP de Guitiriz critica que a alcaldesa, Marisol Morandeira, votase no último pleno en contra de pedir ao Goberno central colaboración para impulsar o hidroduto Gutiriz-Zamora, “unha actuación fundamental” que semella “non lle preocupa moito”.

O voceiro popular en Guitiriz, José Manuel López, afirma que “non entendemos” a postura tomada pola rexedora, sobre todo despois de ver como se trataba dunha proposta “razoable e positiva” para Guitiriz, que obtivo o apoio do Grupo Municipal do BNG.

José Manuel López detalla que a moción que defendemos pedía que se dera prioridade a esta iniciativa para acadar fondos europeos para desenvolvelo ademais de que o Goberno central incluíse e priorizase o hidroduto Guitiriz – Zamora entre os proxectos elixibles no desenvolvemento do proxecto estratéxico para a Recuperación e a Transformación relativo ás enerxías renovables, hidróxeno verde e almacenamento enerxético e no PERTE para a descarbonización.

Tamén sería preciso que se habilitase nos próximos Orzamentos Xerais do Estado, mediante o correspondente programa plurianual, os fondos nacionais que resulten necesarios para facer posible o desenvolvemento do hidroduto Guitiriz- Zamora en igualdade de condicións con respecto ao resto de proxectos que foron incluídos no PCI aprobado pola Comisión Europea, ao fin de contribuír a unha maior eficiencia no desenvolvemento da transición enerxética no conxunto de España.

BENESTAR ANIMAL

Por outra banda, o Grupo Municipal Popular si que obtivo o apoio de toda a corporación para aprobar unha iniciativa para reclamar á Deputación de Lugo a colaboración necesaria para que o Concello de Guitiriz poida cumprir coas novas obrigas que lle atribúe a Lei de Benestar Animal, “aceptando unha emenda do BNG na que se lle solicite axuda tamén á Xunta de Galicia e ao Goberno central”.