Skip to main content
Guitiriz

Máis de 40 persoas participaron na primeira andaina do Guitiriz en Ruta

Por 30 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Os asistentes fixeron unha ruta circular de 13 quilómetros pola Ruta da Auga, con saída e remate en Parga.

Este domingo deu comezo a sexta edición do programa de sendeirismo Guitiriz en Ruta. Fíxoo cunha andaina pola Ruta a Auga na que participaron máis de 40 persoas.

A actividade comezou ás 10:00 horas, no CIT de Parga, de onde arrancou o percorrido. Dende alí, os/as camiñantes saíron en dirección a San Alberte, onde fixeron unha pequena parada para descansar. A volta realizárona polo Camiño Norte de Santiago, pasando pola igrexa e Parga para completar os 13 quilómetros do percorrido.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, recibiu aos participantes á súa chegada a Parga. Agradeceulles a súa participación na actividade e aproveitou para lembrar o resto da programación de saídas.

O Guitiriz en Ruta consta dunha andaina por mes, das que cinco son polo municipio, que son gratuítas, e as outras tres noutros concellos, que teñen un custe de 5 euros para empadroados e de 10 euros para os non empadroados. A seguinte saída será o domingo 25 de febreiro e percorrerase a ruta do río Mera, en Lugo.

As inscricións realizaranse de xeito presencial na casa do concello ou por teléfono no 982 370 109 ata as 15 horas do xoves anterior á ruta de sendeirismo programada.

Todas as saídas están abertas ao público xeral que teña unhas condicións físicas mínimas para poder camiñar varios quilómetros. Completan a programación: o Camiño Vello de Aldosendo en Paradela (domingo 24 de marzo), coñecendo a parroquia de Mariz (domingo 28 de abril), a ruta da Pedra de Díaz Castro nos Vilares (domingo 26 de maio), camiñando entre provincias (domingo 27 de outubro), a ruta do Río Mendo en Oza dos Ríos e Betanzos (domingo 24 de novembro) e a ruta do Río Requeixo (domingo 22 de decembro).