Skip to main content
Vilalba

Blanco anima en Vilalba aos concellos de Transición Xusta a solicitar as axudas

Por 9 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Ministerio de Transición Ecolóxica abre o 20 de xaneiro o prazo de solicitudes para estas axudas por valor de 25 millóns de euros e das que se poden beneficiar 19 concellos galegos.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, animou hoxe en Vilalba aos concellos de Transición Xusta a presentar proxectos á nova liña de axudas por 25 millóns de euros que abrirá o próximo 20 de xaneiro o Ministerio de Transición Ecolóxica para a mellora da prestación dos servicios sociais, a transición ecolóxica e o emprendemento en zonas afectadas polo feche das centrais térmicas.

Durante unha visita ao Concello de Vilalba, onde mantivo un encontro coa alcaldesa da localidade, Marta Rouco, o delegado explicou que se trata dunha nova oportunidade para proxectos elixibles presentados polos entes locais á anterior convocatoria, que cumprían os criterios técnicos e que non resultaron adxudicatarios polo alto nivel de participación acadado e o límite orzamentario. En Galicia son 19 os concellos que poden optar a estas axudas.

As subvencións, que se resolverán por concorrencia competitiva, están dirixidas a proxectos en inmobles, espazos públicos e bens de dominio público. Permitirán a rehabilitación e transformación para novos usos de bens, espazos e terreos de titularidade pública que reforcen o compoñente social, medioambiental e dixital destes espazos ou axuden á creación doutros novos.

Precisamente, o delegado e a alcaldesa aproveitaron para visitar un inmoble que o Concello quere recuperar para poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio e que sería susceptible de concorrer a estas axudas do Ministerio de Transición Ecolóxica. Tamén repasaron outros proxectos que se están a levar a cabo en Vilalba, como a peonalización do casco urbano, a rehabilitación do Parador ou a renovación da Casa Consistorial ou do alumeado exterior da vila, entre outros.

Pedro Blanco sinalou a necesidade de apoiar aos municipios, especialmente aos máis pequenos, na mellora dos seus servizos e infraestruturas para frear a perda de poboación no rural e para garantir aos seus habitantes un futuro coas mesmas oportunidades para todos e todas.

Nesta liña van as axudas que convoca Transición Ecolóxica, xa que promoven a calidade de vida nestes municipios a través da mellora dos servizos sociais, culturais, de infraestrutura verde e de emprendemento, e que tamén contribúen a fixar poboación nestes territorios.