Skip to main content
Vilalba

Vilalba acollerá o 28 un espectáculo de tango de La Porteña

Por 10 Xaneiro, 2024Xaneiro 30th, 2024Sin comentarios

O auditorio municipal de Vilalba acollerá o 28 de xaneiro, domingo, ás 19:00 horas, a actuación do grupo de tango arxentino de maior audiencia en Europa, La Porteña, que presenta o seu espectáculo titulado 15 tangos de historia. As entradas xa están á venda en www.ataquilla.com cun prezo de 16 euros.

A organización do evento anuncia que “La Porteña Tango, con 15 anos de traxectoria e máis 700 concertos realizados nos escenarios de 20 países en catro continentes, vístese de gala para presentar un novo show: un espectáculo moderno e renovado onde se entrelazan a música, a danza e as historias que van desde as emocións máis profundas, á picardía e o humor, lembrando que o tango arxentino é unha música popular e próxima ao público de todas as idades, afastándo dos clichés e lugares comúns”.

O grupo, dirixido polo guitarrista Alejandro Picciano, xunto ao pianista Federico Peuvrel e o mozo bandoneonista revelación Matías Picciano, incorpora a exquisita e potente voz de Eugenia Giordano.

“Xuntos asombran ao espectador tradicional do tango e seducen aos novos interesados que se achegan ao xénero debido á súa frescura e proximidade. A poética de Buenos Aires, os tangos, valses, milongas, candombes e vellos tangos camperos adórnanse con esta danza tan arxentina que cativa ao mundo enteiro e fermosas coreografías creadas por un corpo de baile estable cun luxoso vestiario e coloridos audiovisuais, xerando unha posta en escena única e atractiva”.