Skip to main content
Burela

Alfonso Villares enxalza o labor esencial que xogan as mulleres na conserva

Por 8 Febreiro, 2024Sin comentarios

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou o esencial labor feminino dentro da cadea mar-industria galega e, en concreto, na industria da transformación e a conserva, onde elas representan máis de dúas terceiras partes da forza de traballo total. Ademais, enxalzou o exemplo dunha empresa como Curricán que, nacida como unha iniciativa de mulleres que viven na costa de Lugo, contribúe a poñer en valor, pola vía da innovación, a forma tradicional de facer conservas da zona.

Así o manifestou durante a visita á factoría da produtora das conservas de alta calidade baixo a marca Currimar no municipio lucense de Xove, onde estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o alcalde da localidade, José Demetrio Salgueiro Rapa. Tamén destacou o feito de que co apoio de varios departamentos da Xunta, do concello e do grupo de acción costeira (hoxe GALP) Mariña-Ortegal estas emprendedoras se lanzasen no ano 2012, em plena crise, a xerar riqueza e transformar produtos tipicamente unidos ao mar e a Galicia e da Mariña, como pode ser o bonito que se captura en cada costeira.

O titular de Mar aplaudiu un modelo de negocio que aposta de forma decidida pola innovación como fórmula para revalorizar a tradición, cunha elaboración de produtos gastronómicos artesáns a pequena escala e de excelencia contrastada como son o bonito do norte de Burela, ostras ao natural conservadas en auga de mar ou cun escabeche cítrico, ou pratos preparados como fabas con polbo, marmitako de bonito, este túnido en salsa de tomate ou calamares na súa tinta. Todos envasados en cristal e de forma artesá.

Curricán foi unha das 104 beneficiarias do apoio por máis de 6,3 millóns de euros da Consellería do Mar para compensar ás empresas de comercialización ao por maior e transformación dos produtos da pesca, marisqueo e acuicultura, dos efectos do incremento de prezos ocasionados pola invasión de Ucraína.

Este respaldo permitiu afrontar sobrecustos motivados polo conflito en materias primas como a fariña, o pan relado, aceites de oliva e xirasol, por un lado, tamén os envases, embalaxes de madeira, cartón, plástico, vidro e metal, entre ellos las latas de las conservas, por outro; e tamén as altas facturas que pagaron polo cloro, gases refrixerantes ou enerxías como a electricidade  o gas.

Falta de apoio estatal

Fronte a estas axudas, o sector segue a espera de ver, negro sobre branco, como se materializa o Perte propio polo que a cadea mar-industria leva agardando tres anos. De entrada, o sector reclamara que ascendese a 400 millóns de euros, aínda que os primeiros anuncios desde o Goberno central reducirían a aportación a unha décima parte, uns 50 millóns. Alfonso Villares reiterou que un sector estratéxico para a alimentación de España e Europa debería recibir un trato equiparable ao da industria agroalimentaria, que contou no seu perte con máis de mil millóns de euros.

Ademais do acceso aos fondos europeos habilitados para a recuperación económica postcovid, o representante autonómico insistiu unha vez máis en que o sector primario, os produtos alimenticios do mar e a carne, merecen deixar de estar vetados das rebaixas do IVE que están a desincentivar o seu consumo fronte a alimentos que si gozan desta vantaxe fiscal. Desde o mundo do mar e do agro levan anos reclamando este descenso do imposto sen ser escoitados polo Goberno que encabeza o socialista Pedro Sánchez, un grave erro que está a danar actividade dun sector estratéxico.