Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXA

Xunta e comité de empresa de Alcoa avalian o estado de tramitación dos parques eólicos vinculados a San Cibrao

Por 2 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da consellería de Economía, Industria e Innovación, mantivo un encontro co comité de empresa de Alcoa para avaliar estado de tramitación dos parques eólicos vinculados á planta de San Cibrao.

A xuntanza responde ao compromiso adquirido pola Administración autonómica no encontro que a finais de decembro mantivo o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos representantes dos traballadores, no cal se acordou que se celebrarían diversas reunións de seguimento onde tamén participase o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que, finalmente, non estivo presente na convocatoria de hoxe.

Esta reunión serviu para acreditar a remisión en prazo de todos os informes sectoriais por parte dos organismos da Xunta nos parques de tramitación estatal nos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico remitiu a declaración de impacto ambiental fóra de prazo, provocando a perda do acceso e conexión de 5 parques (403,2 MW) que deberían subministrar enerxía á planta de Alcoa. Do mesmo xeito, avaliouse o estado de tramitación dos parques de competencia autonómica, respecto dos cales se incidiu en que os que obteñen declaración de impacto ambiental favorable son autorizados en menos de 3 meses.

Por outra banda, o encontro tamén permitiu aclarar o estado de tramitación da autorización de recrecido da balsa de lodos vermellos, así como avaliar as últimas informacións relativas ás compensacións de emisións por CO2 para a industria electrointensiva. Ao respecto, púxose de manifesto que o anuncio do ministro de Industria de incrementalas a 300 M€ non supón un incremento como tal, posto que houbo un aumento do prezo de emisión da tonelada de CO2 e séguese destinando unicamente o 8% destes ingresos, cando o límite máximo é do 25% (896 M€).

Na xuntanza, a Administración autonómica volveu ratificar o seu compromiso co mantemento da actividade industrial e do emprego na planta de San Cibrao e, por extensión, na comarca da Mariña.

PARTIDO POPULAR

O PP lucense trasladou o seu apoio ao emprego -preto de 2.000 postos de traballo directos en xogo e máis doutros tantos indirectos- e xulgou como “irrenunciable” o mantemento da actividade industrial na Mariña tras unha reunión de traballo na que participaron os candidatos da comarca ás eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro, Alfonso Villares e José Manuel Balseiro, entre outros membros da candidatura, alcaldes e portavoces e á que acudiu a titular de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego  e candidata pola provincia da Coruña, María Jesús Lorenzana.

Os populares piden ao Ministerio de Industria unha postura firme sobre a planta de Alcoa “e que dea un ultimato á empresa para que clarexe os seus plans de futuro para a fábrica da Mariña ou que traballe nunha saída ordenada, porque a actitude tanto do Ministerio como da dirección de Alcoa está a xerar incertezas”. Así mesmo, manifestan “o compromiso do Executivo galego de apoiar con tódalas ferramentas e competencias ao seu alcance para que a empresa cumpra cos compromisos adquiridos”. Se a compañía non cumpre, “o Goberno galego estaría disposto a apoiar a intervención temporal e instrumental de Alcoa ata buscar un novo comprador”, pero remarcan que “esa decisión lle corresponde ao Goberno de Sánchez”.

Así mesmo, incidiron en que “está nas mans do Goberno central garantir un marco enerxético estable e competitivo, que é outro dos problemas aos que se ten que enfrontar a planta; pero nin o PSOE nin o BNG como socio necesario se puxeron mans á obra para a elaboración de novas medidas de apoio verdadeiramente efectivas no marco do estatuto electrointensivo”. Ambas formacións incluían no seu pacto para investir a Sánchez presidente no 2020 axudas para as electrointensivas e “catro anos despois o seu futuro está no aire e nin sequera se acordaron de volver poñelo sobre o papel no novo pacto asinado no 2023”.

Fronte á postura de socialistas e nacionalistas, dende o Partido Popular defenden que “todos -empresa, institucións e partidos políticos- debemos estar á altura para o mantemento do emprego e da actividade industrial na comarca”.