Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXA

Varios colectivos ecoloxistas piden o peche de Alcoa e a restauración ambienta da balsa de lodos tóxicos

Por 9 Febreiro, 2024Sin comentarios

Os colectivos Ecoloxistas en Acción Galiza, Atlántica e Verde, Petón do Lobo, Salvemos Monteferro, Cova Crea e A Ría non se Vende veñen de asinar un documento #StopALCOA.

“Non é de recibo continuar agrandando o pasivo ambiental que deixa Alcoa en San Cibrao, polo que esiximos o peche definitivo da empresa e a restauración ambiental inmediata da balsa de lodos tóxicos”, comezan dicindo.

A planta de alúmina-aluminio de San Cibrao “deixa atrás unha gran entulleira de lodos tóxicos e corrosivos ao descuberto: unha balsa de 87 hectáreas de superficie e 42 hectómetros cúbicos de capacidade practicamente desbordada e cuxa vida útil debera finalizar xa”, engaden.

Non obstante, prevese unha nova ampliación ata os 110 metros de altura, para seguir agrandando a “bomba de reloxería ambiental, froito dunha clara irresponsabilidade política. Con un dique de 80 metros de altura e un quilómetro de lonxitude na súa coroación, atópase a apenas 60 metros dunha planta de acuicultura, a uns 200 dun núcleo habitado e a 450 metros do mar Cantábrico e de espazos protexidos da Rede Natura 2000″. Ao enorme almacén de 80 metros de profundidade verteuse nos últimos tempos de actividade, “cada día unhas 3.000 toneladas de residuos indisolubles procedentes do tratamento de bauxita con sosa cáustica, un produto alcalino cun elevado potencial corrosivo”.

Unha rotura da balsa produciría “consecuencias nefastas e irreparables para o medio ambiente, a Rede Natura 2000, a saúde humana e dos ecosistemas e o Mar Cantábrico, con especial afectación á Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Mariña Occidental”, din.

Sería “a catástrofe química máis grave do país, que nos recorda ao desastre de Hungría de 2010, ou o de Mariana en Brasil no 2015 xa que “a balsa é un perigo latente no que unha tonelada de aluminio, no proceso bauxita alúmina-aluminio dá lugar a tres toneladas de lodos vermellos compostos por produtos químicos con efectos tóxicos para os humanos e os ecosistemas, como é o óxido de aluminio, o silicato sódico, o silicato alúmino-cálcico, o dióxido de titanio ou o hidróxido de sodio, con un alto valor de Ph e que produce queimaduras químicas”. “A balsa de lodos tóxicos de San Cibrao acada catorce veces máis residuos que a que causou a catástrofe química de Ajka, en Hungría. Tamén cómpre lembrar o desastre da rotura da balsa de pirita de Aznalcóllar que contaminou o Guadiamar e chegou ás portas de Doñana”, sinalan.

“Non se pode continuar agrandando un dos maiores problemas ambientais que ten arestora Galicia”. Por outra banda, o Plan de emerxencia, no que non se garantiu na súa elaboración unha participación pública eficaz e efectiva, minimiza os impactos ambientais e sobre a saúde humana e dos ecosistemas e “é papel mollado, porque non impide en modo algún a ameaza do que sería o maior desastre ambiental da historia de Galicia, de España e de Europa, no caso de rotura da balsa”.” O mantemento da balsa de lodos tóxicos vulnera a normativa europea relativa á protección do medio ambiente e os principios de prevención e cautela cando está en xogo a saúde humana e dos ecosistemas”, sinalan os colectivos.

Polo tanto, “urxe pechar unha fábrica inviable desde o punto de vista económico, enerxético e ambiental e acometer sen demora, un plan de restauración integral da balsa de lodos tóxicos, con cargo aos fondos da propia empresa, así como a busca dunha alternativa aos postos de emprego da dita industria que se debeu prever e levar a cabo xa hai moito tempo, no canto de subvencionala e por engadido con fondos públicos como sucedeu e de xeito insostible e despilfarrador dende hai uns anos ata agora”, rematan dicindo.