Skip to main content
Cervo

Convocado un concurso para escoller o cartel da Maruxaina 2024

Por 25 Febreiro, 2024Febreiro 26th, 2024Sin comentarios

A asociación Amigos da Maruxaina convoca o concurso para o cartel da festa da Maruxaina 2024, que este ano se celebrará o 10 de agosto.

Neste certame poderán participar todas as persoas que o desexen, agás os membros da directiva da Asociación Amigos da Maruxaina. Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas obras, sendo condición indispensable que sexan inéditas.

Deberán incluír o texto Maruxaina, San Ciprián, 10 agosto 2024, Declarada de Interese Turístico Galego. E o tamaño do orixinal será A4, sempre en posición vertical, en branco e negro e non hai normas para o tipo de letra empregada.

Os carteis presentaranse en tamaño orixinal, sen firma do autor ou autora, e baixo un lema ou pseudónimo que figurará escrito na parte posterior do cartel, e acompañado dun sobre pechado en cuxo exterior figurará o mesmo lema ou pseudónimo do cartel. Dito sobre conterá os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, enderezo, cidade e número de teléfono do autor ou autora.

O lugar de entrega das obras será a casa da cultura de San Cibrao, situada na avenida da Mariña, nº 60, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. A data límite de recepción é o venres 10 de maio de 2024 ás 14.00 horas. Para os carteis que se fagan chegar por servizo de correos a data límite do selo postal será o día sinalado anteriormente.

O premio é de 150 euros para o cartel gañador, que será a imaxe da festa. Entregarase o venres 9 de agosto de 2024, nun acto presencial en San Cibrao. A asociación poñerase en contacto co gañador ou gañadora inmediatamente despois do fallo do xurado.

O xurado estará composto por 9 persoas, que son as que forman a directiva da Asociación Amigos da Maruxaina.