Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAFoz

Arranca a celebración do Entroido

Por 9 Febreiro, 2024Febreiro 10th, 2024Sin comentarios

Este ano foi recoñecido como Ben de Interese Cultural e o de Foz será o primeiro que se celebre de Interese Turístico Galego.

O Entroido é por definición a festa máis divertida do ano. Unha festa na que os costumes se relaxan, os roles se inverten e un pode rir de todo. O Entroido, tamén chamado Antroido ou Introido, entre outras denominación, é ademais unha celebración de longa tradición popular.

A PONTENOVA. A festa do Entroido na Pontenova será o domingo 11 de febreiro no pavillón municipal Tito Margaride. Este ano está organizado pola CIT en colaboración co Concello.

Así, nesta cita haberá xogos, música e baile para os máis cativos, quen gozarán con todas as actividades e as lambetadas. Así mesmo, dende o Concello sinalan que se vai facer unha ruta de tapas típicas do Entroido polos locais de hostalaría, e contarán cunhas tarxetas nas que os participantes disfrazados terán que ir selando en cada un dos establecementos hostaleiros participantes.
Entre todas as tarxetas seladas completamente sortearanse 1.200 euros en vales-regalo para cambiar nos comercios locais da Pontenova.

ALFOZ. A Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo en colaboración co Concello de Alfoz organizará a festa o luns 12 de febreiro. As inscricións serán de xeito presencial o día do desfile a partir das 19.30 e ata as 21.00. O desfile comezará a partir das 21.00 horas co infantil e máis tarde co de adultos. Despois haberá unha festa e baile coa Discomovil Eventec e farase entrega dos premios, que repartirán un total de 1.870 euros, e que este ano aumentan na categoría comparsas.

BARREIROS. O Entroido será do 11 ao 16 de febreiro e comezará coa festa infantil de disfraces no centro social o domingo 11 de 15.00 a 20.00 horas con pintacaras, xogos e música.

O luns 12 e o mércores 14 haberá actividades para os nenos de 10.00 a 13.00 horas (con inscrición previa) e rematará a programación o venres 16 co xa tradicional desfile de Entroido a partir das 21.00 e que este ano trae como novidades unha gran primeira demostración na praza do Concello de cada participante para logo desfilar ata o centro social onde ao rematar haberá festa con Dj Eventec, postos de comida e a posterior entrega de 1.000 euros en premios .

CERVO. Neste municipio xa teñen todo a punto para celebrar un Entroido por todo o alto, con actividades e festa para todos os públicos que xirarán arredor aos tres desfiles que se celebrarán en Cervo, en San Cibrao e en San Román de Vilaestrofe.

Os actos comezarán o domingo 11, co Desfile de Cervo que partirá ás 18.00 horas do Ceip de Cervo, a ritmo da charanga Os Macanudos, ata a Praza do Souto, onde se fará a entrega dos premios aos mellores disfraces; a continuación disco móbil Conxuro, poñerá os acordes á festa.

As inscricións poden realizarse a través dos teléfonos 675 823 985 e 617 313 207 e tamén estarán a disposición dos participantes de 17.00 a 18.00 no Ceip de Cervo, o mesmo día do desfile.

O martes 13 terá lugar o desfile de Entroido de San Cibrao a partir das 18.00 horas con saída da carpa instalada na Praza dos Campos e amenizado pola charanga Os Macanudos. Haberá 2.280 euros en premios aos mellores disfraces e comparsas. Ao remate do desfile amenizará un grupo de música.
As persoas interesadas en participar no desfile poderán anotarse na casa da cultura de San Cibrao, chamando ao 982 595 157 ou o mesmo día do desfile.

O sábado 17 péchase a semana de Entroido co Desfile de Entroido de San Román organizado pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras.
Será a partir das 22.00 horas no Pavillón de San Román de Villaestrofe e estará amenizado polo grupo Zona e por disco móbil Conxuro. Repartiranse máis de 1.500 euros e o teléfono para a inscrición é o 656 272 802.

BURELA. Nesta vila desenvolverase serán un total de seis días con numerosas actividades, dende o día 9 ata o 14, día do Enterro da Sardiña. A primeira delas será a Festa Xuvenil o venres 9 de 19.00 a 22.00 con música de DJ, premios e chocolatada.

O sábado 10 a partir das 23.00 terá lugar o Entroido Bonito, unha festa con DJ e concurso de disfraces. O martes 13 será o Día do Neno, de 16.30 a 21.00 con inchables, manualidades, música e un desfile infantil con premios. O gran Desfile de Carnaval será o domingo 11. As inscricións realizaranse ata o día 9 de febreiro na Casa da Xuventude, ou no propio día do desfile ata ás 15.30. O importe dos premios no desfile será de 3.280 euros repartidos en diferentes categorías.

Por outra banda, o luns 12 de febreiro na praza de Abastos ás 16.30 terá lugar un obradoiro de cociña infantil. E finalmente, o entroido cerrarase co tradicional Enterro da Sardiña o mércores 14 a partir das 20.00 dende O Poeta ata O Penoural.

FOZ. A asociación O Noso Foz e o Concello presentaron as actividades para o Entroido. O programa comezou coa coroación da raíña, e o seguinte acto é a inauguración da exposición que sempre corre a cargo dos pregoeiros, que este ano será a Peña Ñasss, e que terá lugar o día 8 de febreiro ás 20.00 horas no Cenima, seguida da cea de comadres, organizada por Afammer e pola Asociación de Amas de Casa. O venres 9 de febreiro é día de coplas e pregón na carpa da rúa Atalaia a partir das 20.00 horas.

O día grande chegará o sábado 10 ás 17.00 horas coa saída do gran desfile, para o que xa están abertas as inscricións, que poderán facerse ata o día 9 ás 14.00 horas na Delegación de Cultura do Concello ou chamando ao teléfono 982 140 027. O desfile rematará coa entrega de premios ás 1.30 horas na carpa da rúa Atalaia, na que a partir das 22.00 horas se abrirán as billeteiras e na que actuarán as orquestras Saudade e Waykas.

O domingo 11 será a quenda do baile infantil, na mesma carpa da rúa Atalaia, a partir das 17.00 horas e no que se entregarán os premios do desfile ás 19.30 horas. A continuación, no salón de actos do Colexio Martínez Otero ás 20.30 horas desenvolverase o coñecido Touporroutou.

O luns 12 terá lugar o Baile do Farolillo a partir das 23.00 horas coa orquestra Gran Parada e o dj Marcos Peón. E o martes 13 será o día do neno, con festa para os máis pequenos a partir das 17.00 horas na carpa da rúa Atalaia. O Entroido de Foz despedirase coa queima do Entroido prevista para o venres 16, cun cortexo fúnebre que sairá do Campo da Cabana e rematará na carpa da rúa Atalaia coa queima.

LOURENZÁ. O Concello e a ACIAL están a preparar o tradicional desfile de Entroido ou Domingo de Piñata que este ano trasládase para o 25 de febreiro. Para participar será necesario a previa inscrición no email entroidolourenza@gmail.com antes do venres 23 ou o mesmo día do desfile no recinto feiral de 12.00 a 15.30 horas.

O desfile sairá do recinto feiral ás 16.30 horas e percorrerá as rúas da vila cara a praza do Conde Santo e repartirán máis de 5.600 euros en premios.

MONDOÑEDO. A vila celebrará o seu desfile e festa de Entroido o sábado 17 de febreiro que sairá do Campo dos Paxariños, ás 17.30 horas, e percorrerá a avenida San Lucas e as rúas Bispo Sarmiento, Andrés Baamonde e Progreso para finalizar na Praza da Catedral. Todos os participantes poderán anotarse no correo entroidomindoniense@gmail.com ou no teléfono 982 507 177.

O prazo para inscribirse será ata o 16 de febreiro. Haberá premios nas categorías adultos (comparsas 1.875 euros, grupos de máis de 10 persoas 850 euros, grupos de menos de 10 persoas 450 euros, parellas 400 euros e disfraces individuais 325 euros) e infantil (grupos 525 euros, parellas 225 euros e individuais 150 euros). Ademais, haberá un premio especial ao mellor grupo de batería e percusión de comparsas, dotados con 200 euros.

O VALADOURO. O Concello organiza un ano máis a festa que será o domingo 11 de febreiro e que contará con desfile de disfraces, unha festa e o Enterro da sardiña. Así, ese día a partir das 17.00 horas será o desfile polas rúas de Ferreira ata o pavillón municipal. En caso de que as condicións meteorolóxicas impidan a realización do desfile, trasladarase integramente ao pavillón. Para participar será necesario a inscrición previa ata o venres, 9 de febreiro, ás 20.00 horas na casa da cultura ou polos leitos habituais da Administración ou o mesmo día no punto de saída de 15.00 a 16.30 horas.

Xa o día 13, o martes de Entroido, a partir das 16.30 horas no pavillón será a festa de disfraces infantil que contará con xogos, inchables, e obradoiro. E o venres 16 a partir das 20.00 horas o esperado Enterro da Sardiña.

O VICEDO. A comisión de festas de Santo Estevo do Vicedo organizan a festa o sábado 17 febreiro que comezará ás 13.30 horas coa sesión vermú a cargo de Borja Dinastía, e seguirá ás 16.30 horas coa festa e inchables. Xa pola noite, ás 21.30 será o desfile infantil que contará con premios e a posterior cea e merenda. Máis tarde, ás 22.30 horas, será a gran verbena amenizada pola orquestra Unión y Fuerza e a disco móbil Eventec.

Ás 00.30 horas farase o sorteo da gran cesta de Entroido e o desfile de adultos no que haberá de premios, 30 euros para os disfraces individuais, 60 para as parellas e 100 euros para grupos.

OUROL. A parroquia de Bravos, en Ourol, organiza unha festa de Entroido o luns 12 de febreiro a partir das 22.00 horas con baile incluído. Nesta cita haberá degustación de produtos típicos do Entroido como son xamón, chourizos, orella e lambonadas. A festa estará amenizada polo dúo Dilema e contará con grandes premios para os mellores disfraces individuais, en parella e de grupos.

RIBADEO. O Entroido adiántase en Ribadeo e xa deu comezo o 3 de febreiro. Por diante haberá tres fins de semana cargados de actividades.

Haberá unha festa do freixó, que se desenvolverá os días 10 e 11 de febreiro en diferentes localizacións da vila. O día 10 pola noite haberá un sorteo de agasallos entre todas as persoas que salgan disfrazadas á rúa. O 11 será o día do cocho e da mascarita. No Cantón tamén está previsto un sorteo entre as mascaritas que acudan ao encontro. Esa xornada celebrarase o baile infantil de disfraces no Rosalar.

Neste 2024 recupérase a cea do Entroido, que terá como protagonista o tradicional cocido e que convocará a toda a veciñanza nunha carpa instalada no Campo de San Francisco. Isto será o luns día 12. O martes 13 terá lugar polas rúas de Ribadeo o desfile a partir das 17.30 horas. Nesta edición, para fomentar a participación, increméntase o número de premios así como as contías en varias modalidades. O Antroido 2024 rematará o 17 de febreiro coa Queima a carón da estación de autobuses.

RIOTORTO. O Concello organiza unha festa infantil o martes 13 de febreiro. A xornada, que será de 17.00 a 20.00 horas, contará con inchables e talleres ademais do tradicional desfile. Despois da festa ás 20.00 horas, que se celebrará no pavillón polideportivo, poderase desfrutar de chocolate con churros. Para participar non será necesario anotarse previamente no Concello.

TRABADA. A asociación O Picato ten listo o programa do Entroido que será o sábado 24 de febreiro. Contarán con xantar e música e o desfile dará comezo as 18.00 horas que dará paso á festa, a gran verbena, e á entrega dos premios. Tamén venderanse rifas durante o desfile e no comezo da verbena para un sorteo.

Para participar é necesario anotarse online antes das 16.00 horas mandando un correo aasociacionculturalopicato@gmail.com. E presencialmente de 14.30 a 16.00 no salón de actos do colexio. A contía dos premios do desfile ascende a 5.000 euros a repartir entre todas as categorías.

VIVEIRO. A cidade do Landro tamén fará un desfile e concurso de disfraces para o que ten o prazo de inscrición aberto ata o 9 de febreiro.

O Concello de Viveiro concederá premios aos catro mellores participantes en cada categoría, cun premio de 700 euros para a mellor carroza. En total, repartiranse case 5.500 euros en premios entre todas as categorías. Tamén se concederá un premio especial ao humor e á orixinalidade, entre todos os participantes da categoría adultos. Por último, o Concello de Viveiro outorgará unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros a cada unha das carrozas participantes no desfile.

VEGADEO. A Comisión de Festas de Vegadeo organiza para o venres 9 de febreiro a festa de Entroido na que contarán co grupo Origen para animar o baile e cunha gran churrascada para os asistentes.

Ás 21.00 horas comezará o gran desfile de Entroido polas rúas de Vegadeo que contará con grandes premios. E ás 00.30 horas será a gran festa co grupo Origen e o DJ Alejandro Martínez.

Xa a partir das 23.00 horas será a cea que terá un prezo de 15 euros anticipada, e se tan só se quere ir á festa serán 3 euros. A cea constará de churrasco, chourizo, sobremesa, pan, viño e auga. Para a churrascada será necesario mercar as entradas aos membros da comisión ou na librería Casa Pérez, librería Patefa ou librería San Pedro.

Para o desfile haberá que inscribirse antes do xoves 8 ou o mesmo día do evento entre as 14.00 horas e as 16.00 horas na piscina municipal.

XOVE. O Entroido dará comezo o venres 9 cun baile infantil de disfraces no pavillón municipal a partir das 18.00 horas, amenizado pola Disco Móbil Conxuro.

O sábado 10 de febreiro será a quenda das actividades centrais do Entroido e comezarán ás 17.00 horas co desfile de Entroido polas rúas de Xove, con saída do campo municipal de fútbol e chegada ao Centro Cívico. Durante o desfile e ao remate do mesmo contarán coa actuación da Mekánika Rolling Band. Unha vez rematado será a festa no pavillón ata altas horas da madrugada. Nun intermedio desta festa farase a entrega dos premios infantís do desfile. Actuarán Disco Móbil Conxuro e o Grupo Fénix.

Para participar no desfile haberá que inscribirse no Concello antes do venres 9 de febreiro incluído, ou ben, chamando ao 982 592 001. Tamén o mesmo día do desfile poderanse facer inscricións no punto de saída localizado na nave-almacén situada ao carón do campo municipal de fútbol, dende as 15.00 ata as 16.30 horas.

O gran desfile vai repartir 4.910 euros en premios, e ademais haberá un agasallo para o disfrace máis orixinal, ao conxunto máis numeroso, ao participante máis maior e ao máis novo.