Skip to main content
Foz

A concelleira de Cultura en Foz, Inés López Couto, considera que “o PP quere acabar co Entroido”

Por 23 Febreiro, 2024Sin comentarios

A concelleira de Cultura en Foz, Inés López Couto, manifesta que “os intereses partidistas do PP local de Foz continúan a súa enardecida pelexa. O único fin que perseguen é botar polo barro o nome do seu pobo e o traballo de toda a xente implicada no Entroido, que deberían de saber que non só é o goberno municipal, senón moitas persoas anónimas que traballan para que esta festa saia o mellor posible”.

Inés López Couto explica que “o Entroido de Foz é unha festa que non dá comezo coa coroación, e tampouco coa elección. O Entroido de Foz comeza ao finalizar a última edición. Anótanse os fallos e trabállase para corrixilos. Unha vez elixida a figura da raíña ou rei do Entroido comézase cos preparativos dos eventos que se celebrarán, no caso deste ano, nos meses de xaneiro e febreiro. Os corpos de seguridade son convocados a unha reunión de seguridade, na que están presentes Garda Civil, Protección Civil, Policía Local, Bombeiros, empresa que elabora o plan de seguridade, comisión de festas e Concello de Foz (técnicos, concelleiros de Cultura e Festas e alcalde). Nesa comisión fálase dos medios necesarios cos que se vai a contar en cada evento e como se realizarán os traballos. Elabórase un plan de seguridade, que este ano pasou a ser un plan de autoprotección debido aos cambios normativos e á dimensión do evento. Ese plan inscríbese na Xunta de Galicia, nos rexistros de emerxencias, co cal os operativos ademais de estar avisados pola comisión de seguridade celebrada no plenario do Concello tamén o están pola inscrición do plan e as súas actividades. Ademais disto existen seguros de todas as actividades. Así mesmo trabállase con empresas contrastadas e con experiencia cada unha na súa rama, dende a montaxe de estruturas, pasando pola instalación eléctrica e ata a comida. Incluíronse novos servizos, coma a instalación dunha ambulancia á beira da carpa con dous técnicos sanitarios ademais da súa asistencia ao desfile”.

A edil de Cultura engade: “como xa se dixo, a aqueles que o pasaron mal pedímoslles desculpas. E de cara ao ano que vén traballarase para emendar todos os erros que se produciron e mellorar unha festa que é traballo de moitas persoas implicadas nela e que reflexa o amor do pobo de Foz polo seu Entroido. É a primeira vez que un grupo político vai contra unha festa do pobo. Se o Partido Popular quere seguir traballando contra o seu pobo, facendo política de bar e empeñado en buscar unha guerra nos medios de comunicación, que non conte con este goberno”.