Skip to main content
Ribadeo

O Concello de Ribadeo investirá 370.000 euros en mellorar a estrada da costa

Por 5 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello investirá 370.000 euros en mellorar a estrada da costa. Será con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “desde o Concello, escoitando a moitos colectivos e asociacións, decidimos investir 370.000 euros na estrada da costa. Era unha vella demanda e unha reivindicación constante por parte de moitas persoas de Ribadeo que entendían que esa estrada tiña que estar en perfecto estado. É unha estrada que soporta moito tráfico durante todo o ano e máis durante o verán”.

O rexedor aludiu “a aquilo que nós reivindicabamos cando estabamos na oposición dicindo que había que investir nese viario para resolver todo ese destrozo que presenta e había que dar un pasiño importante para ir dotando a esta infraestrutura dunha inversión. Entón todo o que diciamos desde a oposición e que nos parecía interesante agora que estamos no goberno cumprimos coa palabra dada, que é moi importante. O mais importante en política, desde o meu punto de vista, é cumprir con aquilo que prometes”.

Vega subliñou que “imos investir estes 370.000 euros a través do Plan Único da Deputación de Lugo. Tamén investiremos no SAF con cargo ao devandito plan e contrataremos persoal no Concello tanto administrativo, como 2 peóns de medio ambiente e un técnico de desenvolvemento local. Sempre defendemos este Plan Único, parécenos importante investir e colaborar coas administracións. Sempre o dixemos, non hai que construír muros entre administracións, é bo abrir as portas e entenderse con todos. O máis importante é que veña investimento para Ribadeo. Diciámolo na oposición  e cumprímolo desde o goberno”.

O alcalde indicou que “esta inversión vai significar un cambio por completo en toda a nosa costa cunha inversión importante, máis de 370.000 euros, pero tamén un cambio de imaxe total. Pasiño a pasiño imos cumprindo, traballando con todas as administracións, e entre todos para mellorar Ribadeo”.