Skip to main content
Viveiro

Mayra García asegura que Besteiro priorizará a política de vivenda impulsando un plan de choque

Por 6 Febreiro, 2024Sin comentarios

A candidata socialista ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo Mayra García Bermúdez avanzou en Viveiro que cando José Ramón Gómez Besteiro sexa Presidente da Xunta de Galicia priorizará a política de vivenda, impulsando un plan de choque, “logo dunha década perdida” neste ámbito “pola incompetencia do PP, que non sabe xestionar”.

A número 3 da lista do PSdeG pola provincia, xunto á tamén candidata Catalina Fernández, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a Deputada autonómica Patricia Otero, lamentou que o Goberno galego, primeiro con Feijóo e agora con Rueda, “leve desaparecido en materia de vivenda, mentres que con Besteiro, será un dos nosos piares do Goberno”. “Co goberno de Touriño construíronse 10.000 vivendas de protección oficial, fronte ás só 6.000 dos últimos 15 anos de goberno popular”. “O PP non ten capacidade para xestionar os fondos europeos que lle transfire o Estado para esta materia nin noutras, o que se traduce en que non poñen a disposición dos galegos e galegas as vivendas que tanto precisan. Non podemos seguir cun Goberno inoperante”, denunciou.

A alcaldesa de Viveiro exemplificou o abandono da Xunta ás políticas de vivenda co que acontece na cidade do Landro, onde agora mesmo o Goberno galego ten sete vivendas vacantes no Pedregal, “que non están en condicións de ser habitadas”, pois son necesarias obras nelas antes de sortealas. Loureiro incidiu en que, a maiores, a Xunta ten un inmoble que adquiriu no ano 2006 na rúa Rosalía de Castro para a execución de varias vivendas, “pero nin empezaron, e nestes momentos non cumpre as condicións de seguridade e salubridade, polo que contactamos co Goberno galego porque é urxente que actúen nel”.

2.500 vivendas públicas anuais

Besteiro, explicou Mayra García Bermúdez, propuxo unha batería de medidas en materia de vivenda. Entre elas está acadar unha media de 2.500 vivendas públicas anuais, o desenvolvemento dun Plan efectivo de rehabilitación da vivenda baleira, a elaboración dun mapa galego de vivendas inacabadas que permita coñecer a magnitude do problema, aplicar a Lei de Vivenda delimitando áreas tensionadas que permiten limitar os prezos dos alugueiros nos concellos que o soliciten ou axudar á rehabilitación, entre outras políticas concretas.

Tamén explicou en Viveiro que o Goberno de Besteiro reparará de xeito decidido nos mozos e mozas, porque “teñen unha dificultade extraordinaria para atopar unha vivenda e, sobre todo, para desenvolver o seu proxecto vital”.