Skip to main content
Viveiro

Augas de Galicia presenta o proxecto definitivo para minimizar o risco de inundacións en Xunqueira, Viveiro

Por 21 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Viveiro coñeceu en Augas de Galicia o proxecto definitivo para executar as actuacións que contribúan a minimizar o risco de inundacións en Xunqueira.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o segundo tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, xunto á deputada provincial Pilar García Porto, asistiron a unha reunión en Santiago para coñecer a redacción definitiva do proxecto.

“Un día importante para Viveiro, despois de varios anos de espera temos por fin o proxecto”, explica María Loureiro. O orzamento das obras é de 980.000 euros, dos que Augas de Galicia asumirá 600.000 euros, e o resto entre a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro. As tres administracións asinarán un convenio para executar os traballos.

O proxecto contempla un conxunto de actuacións que pasan, entre outras, polo aumento e naturalización do leito do río, construción dunha pasarela de acceso alternativa, reforzar as cimentacións que foron danadas, ampliación das dúas pontes, fonte, eliminación de edificios e ruínas pegadas ao leito do río, e reubicación do lavadoiro.