Skip to main content
Viveiro

Preséntase o cartel da Semana Santa de Viveiro, que conta cunha achega de 25.000 euros da Deputación

Por 24 Febreiro, 2024Sin comentarios

O cartel da Semana Santa de Viveiro e o programa ADRAL 2024 foron presentados na Sala Multiusos do Concello mariñao coa presenza da deputada pola comarca da Mariña, Carmela López.

López destacou que a Deputación de Lugo colabora coa celebración da Semana Santa de Viveiro cunha achega de 25.000 euros, “dende o convencemento de que é unha obriga cara a conservación do noso patrimonio e as nosas tradicións. Unha herdanza moi rica que temos que manter viva, pero tamén unha fonte de desenvolvemento para Viveiro e para o resto da nosa comarca e da provincia”.

O cartel deste ano é unha imaxe da procesión da Misericordia antes de chegar á Porta de Carlos V para adentrarse no casco histórico de Viveiro na madrugada do xoves ao venres Santo. A fotografía é de Dani Caxete, un artista multidisciplinar de Celeiro.

“É imposible ser de Viveiro e non emocionarse ao ver o cartel deste ano. Moitas grazas, Dani. Con esta elección, a Xunta de Cofradías volve apostar ademais por un artista local, algo que me fai sentir especialmente orgullosa”, asegurou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

“Un ano máis, é emocionante pensar que xa queda tan pouco para vivir nas rúas de Viveiro o sentimento que acompaña sempre á nosa Semana Santa, agradecendo o gran traballo que vén facendo desde hai meses a Xunta de Cofradías para que todo saia ben”, engadiu Loureiro.

No acto participaron, xunto á Deputada, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; e o presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro, José Veiga.