Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

O Campionato de España de motocrós reforzará o potencial de Lugo como destino turístico deportivo

Por 13 Febreiro, 2024Febreiro 14th, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, mantivo unha videoconferencia este luns co piloto lucense Jorge Prado para abordar a celebración das probas do Campionato de España e do Mundo de motocrós que acollerá en 2024 o circuíto municipal, impulsado polo Goberno local en Teixeiro.

No encontro, no que tamén participou Martín Pérez, secretario do Club Motopark, concesionario do circuíto, a rexedora interesouse polos retos para a nova tempada que comeza para o lucense. Prado participará en Lugo o 23 e 24 de febreiro na segunda proba do Nacional de motocrós, sendo o único test de pretemporada que disputará, antes de iniciar o Mundial na Patagonia o 10 de marzo. “Estamos moi satisfeitos de que regreses á túa casa para participar nesta proba do Campionato de España que acolleremos na nosa cidade por segundo ano consecutivo”, subliñou Alvarellos, unha cita que servirá, así mesmo, como gran homenaxe ao piloto tras proclamarse campión da pasada edición do Mundial de MXGP.

Neste senso, a alcaldesa convidou a todas e todos os lucenses a achegarse ás instalación municipais para gozar do evento e animar a Prado de cara ao inicio dunha nova tempada co equipo Gas Gas. Alvarellos puxo en valor, así mesmo, o potencial do circuíto como reclamo local no ámbito deportivo. “Dende a súa posta en funcionamento, hai pouco máis dun ano, xa é un referente no panorama nacional e internacional pola súa calidade e prestacións”, subliñou. Igualmente, Jorge Prado apuntou que se trata dunhas “fantásticas instalacións” destacando “a súa integración na paisaxe, o que as converte nun lugar único para prepararse de cara ao Mundial”.

Destino turístico deportivo

Precisamente, nesta tempada a máxima competición continental de motocrós (MXGP) fará parada en Lugo, onde se disputará unha das súas probas, a única, xunto coa que se celebrar no circuíto Intu Xanadú-Arroyomolinos de Madrid, que terán lugar en España. A celebración destas citas en Lugo “axudará a difundir este deporte a nivel local e autonómico, ao tempo que contribúe a consolidar a nosa urbe como destino turístico deportivo”, apuntou o edil Jorge Bustos, quen destacou o potencial do circuíto lucense como reclamo local no ámbito deportivo pola capacidade e o atractivo que o recinto ten como dotación de primeiro nivel”.

Prado, que se amosou moi ilusionado por poder competir de novo na súa casa, sostivo que “sempre é unha satisfacción e un motivo de gran ledicia correr diante da afección lucense”. O piloto atópase adestrando no circuíto italiano de Ottobiano. Despois da súa experiencia de algo máis de dous meses en USA, onde correo catro probas do campionato AMA de supercrós, regresou a Italia onde ten sede o seu equipo.