Skip to main content
Baralla

Dani Pardo, cantante: “Moita xente bota de menos unha figura como Ana Kiro ou Juan Pardo”

Por 24 Febreiro, 2024Marzo 1st, 2024Sin comentarios

Foto de Javier Rial.

De verbena en verbena o barallés descubriu o seu amor pola música, que o leva a percorrer a xeografía galega e a versionar temas como A miña aldeaou a lanzar cancións propias como Canto a los emigrantes

Lucía Blanco

Os veráns de romaría en romaría marcaron a infancia de Dani Pardo (Baralla, 1992), sen saber que tempo despois sería el o que se subiría a un escenario. “Tiven a sorte de que meus pais sempre me levaron ás verbenas desde que eu era un bebé e gustábame moito sobre todo a orquestra coa que eu crecín que era a Compostela”. Precisamente da decana das agrupacións galegas saíu un dos seus grandes referentes: o vocalista Miguel Torres.

Con 16 anos e tras tomar clases de canto xa tiña máis que claro que o seu era facer gozar a xente a través da música aínda que “non me animaba a dar o paso”. Cinco anos despois, pisou por primeira vez un plató de televisión ao converterse en recanteiro do programa Luar. “Foi unha experiencia moi positiva porque me deu a coñecer, pero a día de hoxe creo que debín esperar máis e presentarme, porque tiña só 21 anos”.

A experiencia veulle ao formar parte de pequenas formacións, aínda que co obxectivo de poder apostar polas súas ideas e súa forma de ver a música tomou a decisión de arrancar en solitario. “Creo que dentro do mundo tradicional se debe innovar. Aínda que hai xente que xa o fai como Tanxugueiras, moitas persoas botan de menos unha figura galega como Ana Kiro ou Juan Pardo, unha figura que non cante as cancións que se facían antes, senón que faga novos temas seguindo esa liña”.

Merengues, salsas, cumbias, rancheiras ou pasodobres. Pardo é un artista todoterreo, como así evidencia o seu repertorio, que cambia en función do público. “Non te podes encasillar e menos na verbena, teste que adaptar”. Pero se se lle pregunta por algún tema en concreto, María Remedios de Antonio Molina, que recoñece é das que máis aplauden, ou Galicia Terra Meiga de Ana Kiro, pola súa mensaxe, ocupan un lugar especial. De Kiro tamén versionou A miña aldea, peza que lle dedica a Mazaille. “É a que máis me piden. Foi gracias a un amigo meu que me propuxo a idea e entre os dous fixemos os cambios. Nada máis escoitala dixen que ía ser un éxito e efectivamente así foi”.

Un pasodobre dedicado á emigración

O arraigo polo seu tamén forma parte doutro dos seus pasodobres, Canto a los emigrantes, composto por Pedro Gordillo. “Tiven a sorte de ter contacto con el, co que empezaron artistas como Diana Navarro e Ana Mena e que traballou con Lola Flores, entre outros. O arreglo fixérono Fran Espinosa, ex pianista de Los Satélites, e José Somoza, trompetista mítico das orquestras galegas. E tivo moi boa acollida, algo que mesmo sorprendeu a Pedro porque a canción española non adoita soar tanto na radio”.

Con estas composicións afrontou un verán case sen descanso, no que o teléfono non parou de soar e no que acabou por sumar máis de 40 actuacións pola xeografía galega. “Foi un paso moi importante e que quería dar dende fai bastante tempo. Eu estou poñendo todo o meu empeño por seguir así, facendo entrevistas, saíndo en redes sociais e falando coas comisións de festas”.

Sabe que o mundo no que el se move non resulta nada sinxelo, pero o que “o máis importante é que o teu nome apareza sempre”. Ganas e esforzo non lle van faltar a este barallés que mantén como obxectivo “seguir vivindo da música” e poder crecer pouco a pouco para tamén dar o paso de facer algunha colaboración, idea que se lle pasa pola cabeza pero que polo momento prefire gardar en segredo. Ben sexa con cancións propias ou dándolle o seu toque persoal aos temas dos máis grandes, Dani Pardo vai seguir rememorando esa verbena de toda a vida con cada unha das súas actuacións porque recoñece que lle gusta “o que se facía antes, cantarlle á xente”.