Skip to main content
A Fonsagrada

Patrimonio dos Ancares detecta unha nova agresión ao conxunto de mámoas do Peredelo, na Fonsagrada

Por 1 Febreiro, 2024Sin comentarios

O 30 de xaneiro, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares detectaron unha nova agresión ao conxunto de mámoas do Peredelo, na parroquia de Lamas de Moreira, no concello da Fonsagrada, situadas a carón da estrada LU-0708.

A necrópole, composta por tres enterramentos duns 6.000 anos de antigüidade, figuran catalogadas por Patrimonio da Xunta de Galicia, e polo tanto, segundo a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, gozan de total protección. “Sobre a mámoa número 3 apilaron gran cantidade de troncos de pinos de gran tamaño procedentes dunha tala forestal que se está a realizar na zona, afectando gravemente á masa tumular do xacemento”, segundo o colectivo.

“Non é a primeira vez que esta necrópole sufre unha agresión. No ano 2016 comunicamos a Patrimonio a construción dun silo para plásticos agrícolas sobre a mámoa número 1, situada só a 15 metros da anterior. A pesar dos informes do Seprona da Garda Civil e dos reiterados requirimentos do Servizo de Patrimonio Cultural ao Concello da Fonsagrada, responsable da colocación do silo, non foi retirado ata o ano 2020. Segundo nos informou Patrimonio no seu momento, o Concello nunca contestou aos seus requirimentos”, engaden.

Así mesmo, a uns 300 metros desta necrópole está a mámoa coñecida como do Albardón ou da Bandeira, tamén catalogada. No ano 2019, dende o colectivo comunicamos a Patrimonio a agresión por medio de maquinaria pesada “que lle produciu ao túmulo funerario pronunciamentos surcos. Ese mesmo ano, Patrimonio da Xunta de Galicia abriulle un expediente sancionador”.

A agresión xa foi comunicada ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que, en aplicación da Lei, tomen as medidas necesarias.